O Concello de Carballo e a localidade francesa de L’Isle-Jourdain (Gers) reafirman a súa histórica amizade, iniciada hai máis de tres décadas, cunha completa fin de semana de actividades de intercambio cultural. A programación de irmandamento para este 2026 arrincou este venres 24 de abril coa recepción ofrecida polo alcalde, Daniel Pérez, aos visitantes, e estenderase ata o luns 27. Catro días para crear espazos de convivencia tanto para a delegación francesa como para a veciñanza carballesa.
A recepción oficial da expedición tivo lugar este venres no salón de plenos, nun acto presidido polo alcalde carballés pero no que tamén contamos, vía vídeoconferencia, co novo rexedor de L’Isle Jourdain, Éric Bizard. O acto foi retransmitido en directo por YouTube, e podedes velo nesta ligazón.
O sábado 25, a actividade trasladarase á Escola de Idiomas (EOI) cun almorzo de confraternidade e unha ruta guiada polos murais de Carballo, conducida polo propio alumnado de francés da escola a partir das 12.00 h.
A tarde do sábado estará protagonizada polo Encontro galego-occitano no mercado municipal. Desde as 18.30 h haberá obradoiros de baile tradicional e, a partir das 19.30 h, unha gran foliada e queimada coa participación de grupos locais (Arume de Verdillo, Escola do Alprende, Nemeth) e músicos occitanos (Marie-Françoise Rivail, Monique Garnung, Francis Deluc e Eric Viala).
O domingo 26 de abril a delegación visitará a feira de Carballo durante a mañá. Como peche cultural, o Pazo da Cultura acollerá ás 20.00 h o espectáculo de danza “Benquerer”, ao que asistirán tanto os visitantes franceses coma as familias acolledoras.
Para finalizar a visita, o luns 27 realizarase unha xornada de carácter máis turístico e industrial con visitas a Iberluffa en Caldas de Reis, Santiago de Compostela e Fisterra.

