Ao Narahío, que visita ao Agrón-Barcala en Negreira, chégalle unha victoria pola mínima, mentres que o Sansa, que recibe ao Baio, precisa ganar por dous goles de diferenza para superar a derrota por 2-1 no encontro de ida
Este domingo todo o foco da actualidade local estará posto no deporte. Pola mañá temos a carreira popular, na que participarán cerca de 350 deportistas desde Peques a Máster 3, mentres que pola tarde volverá ser o fútbol quen atraia toda a atención. E é que o CF San Sadurniño e a UDC Narahío disputarán os seus respectivos partidos de volta da primeira eliminatoria do play-off de ascenso a Primeira Futgal. Neste sentido, o Narahío irá a Negreira xogar ás 18:00h contra o Agrón-Barcala CF -o club pon bus, con reserva de asento a 5€ por persoa no 699 228 227-, mentres que o CF San Sadurniño recibe á mesma hora na Piscina ao CD Baio. Unha xornada histórica na que ambos equipos precisan do máximo apoio de toda a afección.
O do máximo apoio non é un falar, senón unha petición que deber ter resposta. E canta máis, mellor. A razón é que ambos equipos teñen que ganar, si ou si, para pasar á seguinte e definitiva eliminatoria que, se hai sorte este domingo, sería un apaixoante derbi local a dous partidos.
Quen o ten máis doado, en principio, é o Narahío. O pasado domingo empatou 1-1 na Veiga contra o Agrón-Barcala, de xeito que con ganar pola mínima no partido de volta xa tería garantido o pase. Un requisito asequible que, porén, bate co atranco de xogar fóra da casa e da posible influencia do factor campo.
Por iso, e para compensar, desde a Unión Deportiva queren encher o Municipal de Cepelo, en Negreira, co maior número posible de afeccioadas e afeccioados amarelos. O partido comezará ás 18:00h. O club de Naraío leva varios días anunciando o enfrontamento con cartelaría impresa e nas redes sociais, informando de que haberá un servizo de autobús para quen queira acompañar ao equipo nesta cita decisiva e histórica. Hai que reservar chamando ao 699 228 227. O prezo da viaxe son 5€.
O CF San Sadurniño, pola súa banda, recibe no campo da área deportiva dos Currás ao CD Baio. Os de Zas ganaron o domingo pasado por 2-1 na súa casa. Este resultado complícalle o pase á escuadra laranxa, que deberá ganar e, ademais, facelo por dous goles de diferenza. Válelles un 2-0, un 3-1, un 4-2…, pero un 1-0 ou un 2-1 obrigarían a xogar prórroga -igual que o Narahío, se volve empatar- e, no caso de non haber desenlace nese período extraordinario, tamén quenda de penaltis.
O Sansa sairá ao campo decidido a dalo todo e coa vantaxe de xogar na casa, diante dunha torcida que está chamada a encher as bancadas do municipal a partir das 18:00h
Se a cousa vai como todas e todos queremos, o CF San Sadurniño e a UDC Narahío obterían este domingo o seu pase á seguinte eliminatoria dos play-off de ascenso a Primeira Futgal, que nos depararía dous derbis históricos, un de ida o 14 e outro de volta o 21 de xuño, entre os dous equipos locais. Só un deles obtería praza para xogar o ano que vén na categoría superior.
Porén, non adiantemos acontecementos e este domingo a consigna é clara: todo o mundo apoiar á UDC Narahío e ao CF San Sadurniño.

