‘Dinamizando Paderne’, a aposta polos locais socias, recibe unha gran acollida no día da súa estrea

Redacción
Lectura mínima de 3
  • A iniciativa impulsada polo Concello de Paderne inaugurouse onte, luns 23 de marzo, no Fogar do Maior.
  • O alcalde, Sergio Platas, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisa Abrodos, presentaron a primeira sesión.

O Concello de Paderne arrancou onte, luns 23 de marzo, unha nova aposta de dinamización dos locais sociais das parroquias baixo o título ‘Dinamizando Paderne’. O Fogar do Maior foi o punto de partida da proposta que contou cunha exitosa acollida por parte da veciñanza. O alcalde, Sergio Platas, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisa Abrodos, presentaron a primeira sesión.

A parroquia de Paderne foi o escenario da primeira toma de contacto de ‘Dinamizando Paderne’. A iniciativa, impulsada polo Concello, busca dar a coñecer os locais sociais municipais a través do ocio. Dirixida a toda a veciñanza de Paderne, o primeiro edil insistiu en que “todos os veciños e todas as veciñas que o desexen poden participar”.

“Os locais sociais son espazos de encontros públicos e dende o goberno local debemos traballar en que a xente así o entenda, por iso levamos a cabo esta aposta”, engadiu o rexedor. “‘Dinamizando Paderne’ non só permite promover o uso destas edificacións como espazos de encontro entre a veciñanza, senón que lles ofrece unha alternativa de ocio”, seguiu comentando Sergio Platas.

O Fogar do Maior encheuse de veciños e veciñas con gañas de gozar do comezo do proxecto que estivo guiado por unha monitora encargada de pensar os xogos a desenvolver. A programación pode cambiar en función das demandas das persoas asistentes. Así mesmo, ao tratarse dunha iniciativa piloto, vaise ir modificando en función das necesidades detectadas nas persoas participantes.

Programación de abril

‘Dinamizando Paderne’ chegará ás oito parroquias do municipio de maneira rotatoria. Farase dúas veces por semana, todos os luns no Fogar do Maior en Paderne, e outro día da semana nunha das parroquias do concello.

Levaranse a cabo tanto xogos de mesa como bingo, as cartas ou o dominó, como actividades musicais ou artísticas, podendo incluír outras actividades que as persoas participantes soliciten.

En abril a iniciativa estará no Fogar do Maior, en Paderne, os luns 6, 13, 20 e 27 en horario de 17:00 a 19:00 horas. En canto ao resto do mes, ‘Dinamizando Paderne’ desenvolverase en Velouzás o mércores 1 en horario de 18:15 a 20:15 horas; en Vilamourel, o mércores 8 de 16:00 a 18:00 horas; en Adragonte, o xoves 16 de 17:00 a 19:00 horas; en Quintas, o xoves 23 de 18:00 a 20:00 horas; e en Souto, o xoves 30 de 16:00 a 18:00 horas.

Comparte este artigo