O proceso de licitación avanza tras a aprobación inicial do expediente e supón un paso decisivo para definir o modelo urbanístico do municipio nas próximas décadas
O Goberno local destaca o interese suscitado por un proxecto estratéxico para o desenvolvemento de Fene
O proceso para a contratación dos traballos de revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Fene continúa avanzando coa presentación de dúas ofertas por parte de empresas especializadas interesadas en asumir a redacción do documento urbanístico que definirá o desenvolvemento futuro do municipio.
A presentación destas propostas supón un novo paso nun procedemento considerado estratéxico polo Goberno municipal, que situou a revisión do PXOM como unha das principais prioridades para o presente mandato. O obxectivo é dotar a Fene dun instrumento de planificación actualizado, adaptado ás necesidades actuais do municipio e capaz de dar resposta aos retos demográficos, económicos, ambientais e territoriais das próximas décadas.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “a presentación de dúas ofertas confirma o interese que esperta un proxecto fundamental para o futuro do noso concello”. A rexedora lembrou que “a revisión do PXOM é unha ferramenta imprescindible para planificar o crecemento e o desenvolvemento de Fene desde criterios de sustentabilidade, cohesión territorial e participación cidadá”.
O concelleiro de urbanismo, Manuel Polo, sinalou ademais que “o actual planeamento leva décadas vixente e é necesario adaptalo á realidade social, económica e ambiental do século XXI, facilitando o acceso á vivenda, a implantación de actividades económicas, a protección do patrimonio e a mellora da calidade de vida da veciñanza”.
O novo PXOM permitirá establecer un modelo de desenvolvemento equilibrado para o municipio, ordenando os usos do solo, definindo os espazos destinados a equipamentos e zonas verdes e planificando o crecemento residencial e económico de maneira sostible.
Unha vez analizada a documentación presentada polas empresas licitadores por parte do tribunal, continuarase coa tramitación administrativa do procedemento ata a súa adxudicación definitiva, iniciándose posteriormente os traballos de elaboración do novo documento urbanístico, que se desenvolverán baixo criterios de participación e consenso social.
Desde o Goberno municipal insístese en que a revisión do PXOM constitúe unha oportunidade para construír colectivamente o Fene do futuro, combinando desenvolvemento, sustentabilidade e protección do territorio.

