O Concello de Neda porá en marcha este mércores, 12 de agosto, un bus lanzadeira destinado a facilitar que a veciñanza que o desexe poida achegarse ao miradoiro de Ancos para observar a eclipse solar total. Os distintos accesos ao cumio deste monte, que constitúe unha atalaia privilexia da ría de Ferrol, permanecerán pechados aos coches e outros vehículos particulares por Policía Local e Protección Civil para evitar problemas de tráfico nas estreitas estradas que conducen ata ese punto.
O servizo estará operativo a partir das 17:00 horas, fixándose para as 19:00 horas o último traxecto de subida. Nese espazo temporal, o autobús fará viaxes, saíndo do aparcadoiro do IES Fernando Esquío, a medida que vaia completando a súa capacidade. Terán prioridade as persoas maiores, con menos posibilidades de afrontar un ascenso a pé a Ancos.
A xente que se achegue a última hora e quede sen praza no autocar, poderá seguir o fenómeno astronómico dende a contorna do albergue, unha das dúas localizacións recomendadas pola administración local, ademais do campo dos Subarreiros.
As viaxes de volta en bus iniciaranse unha vez superado o momento de totalidade da eclipse. Así, a partir das 21:00 horas, e igualmente a medida que se vaia enchendo, o bus irá baixando á xente.
Dende o Concello de Neda lémbrase a necesidade de levar as correspondentes gafas especiais para eclipses homologadas baixo a ISO 12312-2:2015 e con marcado CE, que deberán empregarse en todas as fases, e facer observacións en intervalos breves, tras os que se deberá descansar a vista, co fin de preservar a saúde ocular. Recomendan ademais levar auga para hidratarse, ademais de gorro e protección solar.

