O Centro Xove da Almáciga acollerá o próximo sábado, 23 de novembro, a xornada “FolkXove”, unha iniciativa que nace dos Orzamentos Participativos da área de Mocidade e que ten como obxectivo que o público máis novo conecte coa tradición musical galega. Faráo a través de diferentes obradoiros e concertos, presentados hoxe pola concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas.
A organización de actividades relacionadas coa música e a cultura tradicional galega foi unha das dez propostas máis votadas no proceso dos Orzamentos Participativos da área de Mocidade, nos que os mozos e mozas elixiron o destino de 100.000 euros do presuposto da concellaría. Desa proposta nace o “FolkXove”, que a concelleira María Rozas presentou hoxe acompañada por Claudia Abril e Marina Carpente, do grupo Abril; e por Antón, que se encargará dun dos obradoiros previstos na xornada.
María Rozas puxo en valor que a xornada “combina as actuacións de grupos locais cunha parte máis didáctica e participativa, co obxectivo de que os mozos e mozas se acheguen á nosa música tradicional e se animen a ser parte activa da preservación do noso patrimonio cultural”.
Obradoiros e concertos
A xornada “FolkXove” comezará con dous obradoiros que se desenvolverán no Centro Xove da Almáciga na mañá do sábado. O primeiro será un obradoiro de iniciación á pandeireta impartido por Antón, a partir das 11.00 horas. Xa a partir das 12.30, será o turno de Carme Iglesias, encargada do obradoiro de baile tradicional. Para participar, é preciso inscribirse a través do mail info@centroxove.com.
Xa pola tarde celebraranse os concertos do “FolkXove”, a partir das 19:45 horas. Polo escenario do Centro Xove pasarán tres grupos: Treba, un dúo de música folk con guitarra e pandeireta: Abril, integrado por Claudia Abril e Marina Carpente; e Irmaus da Raia Seca, un cuarteto formado polos irmáns Pascual e os irmáns Álvarez.
Os concertos son de acceso libre e de balde, ata completar a capacidade da sala