Gran acollida da primeira Ruta do Pincho Mariñeiro de Miño, con máis de 3.500 pinchos vendidos

Redacción
Lectura mínima de 2

• Rexistráronse máis de 1.700 votacións e os establecementos xa agardan unha segunda edición

A primeira edición da Ruta do Pincho Mariñeiro de Miño pechouse cun balance moi positivo tras vender máis de 3.500 pinchos ao longo das xornadas do venres 17 e sábado 18 de abril. A iniciativa, impulsada polo Concello de Miño en colaboración coa hostalería local, contou cunha gran acollida tanto por parte da veciñanza como das persoas visitantes.
Durante os dous días de celebración, os 13 establecementos participantes ofreceron propostas gastronómicas elaboradas con produtos do mar da contorna, destacando pola súa calidade, variedade e creatividade. A ampla participación do público permitiu dinamizar a actividade hostaleira e consolidar o evento como unha proposta atractiva dentro da oferta gastronómica local.
Ademais, a cidadanía implicouse activamente na valoración das elaboracións, rexistrándose máis de 1.700 votos. Os pinchos favoritos do público foron, en primeiro lugar, Langostino Crocante con Maio de Pimentón do establecemento El Puerto, con 351 votos; en segundo lugar, Viche Golf Miño do Restaurante Miño Golf Club, con 332 votos; e en terceiro posto, Corvina-Oliva-Framboesa do Restaurante Savi, con 220 votos.
Os hostaleiros coinciden en sinalar o éxito da convocatoria, tanto pola resposta do público como polo ambiente xerado nos locais, e xa amosan o seu interese en dar continuidade á iniciativa cunha segunda edición que permita seguir poñendo en valor o produto mariñeiro e o traballo do sector.
Esta Ruta do Pincho Mariñeiro puxo o broche final ao programa “Cociña Mariñeira”, unha iniciativa orientada a promover os produtos do mar e reforzar a formación no sector hostaleiro, co apoio do GALP Ártabro Norte a través dos Fondos FEMPA.
O Concello de Miño valora moi positivamente os resultados acadados, destacando a colaboración entre administración e sector hostaleiro como clave do éxito. Así mesmo, reafirma o seu compromiso de continuar impulsando accións que fomenten o consumo de produto local, o desenvolvemento económico e a proxección de Miño como destino gastronómico de referencia.

Comparte este artigo