O Pazo de Mos acolle unha charla sobre cancro de mama

Redacción

Ermitas Dávila, profesional da Unidade de Mama da Xerencia de Gestión Integrada de Vigo, abordou a prevención, a detección precoz e os avances no tratamento da enfermidade.

O Pazo de Mos acolleu este venres a charla informativa “Falemos sobre o cancro de mama”, unha iniciativa organizada pola Asociación Contra o Cancro en Mos coa colaboración do Concello de Mos para achegar á veciñanza información sobre prevención, detección precoz e avances no tratamento desta enfermidade.

A sesión contou coa participación de Ermitas Dávila Casal, diplomada en Enfermaría e profesional da Unidade de Mama da área sanitaria de Vigo. Ao longo da súa traxectoria, traballou tamén no Hospital de Día Oncolóxico do Hospital Meixoeiro e desenvolveu labores docentes na Escola Universitaria de Enfermaría Sergas-Meixoeiro e en distintos cursos de extensión universitaria.

Durante o encontro abordáronse cuestións relacionadas coa prevención, a importancia da detección precoz e os avances no diagnóstico e no tratamento do cancro de mama, así como a necesidade de ofrecer información fiable e acompañamento ás persoas afectadas e ás súas familias.

A actividade serviu tamén para lembrar que a atención ao cancro de mama vai máis alá do diagnóstico e do tratamento. A prevención, a investigación e o apoio emocional son aspectos que deben acompañar as pacientes ao longo do proceso, así como as súas familias.

O Concello de Mos agradece á Asociación Contra o Cancro en Mos a organización desta iniciativa e o seu labor de sensibilización e apoio ás persoas afectadas, así como a participación de Ermitas Dávila Casal, que compartiu cos asistentes os seus coñecementos e experiencia profesional.

Con este tipo de actividades, búscase achegar información sanitaria á veciñanza, resolver dúbidas e fomentar unha maior concienciación sobre a importancia da prevención e da detección precoz do cancro de mama.

Comparte este artigo