• A portavoz popular reclama un calendario para desbloquear o PXOM e facilitar vivenda alcanzable e equipamentos públicos
A portavoz do PP de Culleredo e candidata á alcaldía, Izaskun García, denuncia que se cumpren dous anos desde que José Ramón Rioboo comprometeuse a reactivar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), sen que se coñezan avances nin se volvese a convocar a comisión especial. “Dous anos de promesas e seguimos sen Plan Xeral. Rioboo nin sequera cumpriu o seu compromiso de reunir de novo a comisión ao mes seguinte. Gobernar esixe tomar decisións e facer avanzar os proxectos. Culleredo está a pagar esta falta de xestión con anos de oportunidades perdidas”, afirma.
García lembra que o municipio continúa rexéndose por un plan urbanístico aprobado en 1987, hai case catro décadas. “Necesitamos planificar chan para vivenda alcanzable, novos equipamentos públicos e o desenvolvemento do concello. Cada ano que pasa sen un plan actualizado atrasa as solucións e as respostas que necesitan os veciños”, advirte.
A portavoz popular propón convocar de inmediato a comisión, aclarar mediante informes técnicos e xurídicos se pode recuperarse o documento aprobado inicialmente en 2013 e concretar a situación do equipo redactor e a súa contratación. Reclama, ademais, un calendario de traballo, con responsables definidos e seguimento periódico.
O PP trasladará estas cuestións ao próximo pleno e esixirá coñecer que actuacións se realizaron durante estes dous anos. «O meu compromiso é facer do PXOM unha prioridade de goberno, con dirección, colaboración institucional e rendición de contas. Culleredo necesita un goberno que prepare o seu futuro e converta os compromisos en traballo e resultados», asegura García.

