Os sabores de outono centran este sábado as Xornadas Gastronómicas no Mercado de San Antonio

Redacción

Dende ás 11 h poderanse degustar tres elaboracións co cabaza, o lacón, o grelo e as castañas coma ingredientes

Os sabores de outono serán os protagonistas este sábado, 24 de outubro, na terceira proposta das Xornadas Gastronómicas “Saborea o Mercado de San Antonio”. Tras o éxito rexistrado nos dous meses anteriores no que o mexillón e o bonito foron o ingrediente base dos platos agora é a quenda doutros produtos de temporada coma a cabaza, o lacón, os grelos e as castañas.

 A partir das 11 h poderanse degustar tres elaboracións realizadas polo restaurante Al Dente: Risoto con cabaza e lacón; Lacón con grelos e Castañas confitadas con crema de mascarpone. O prezo da cada ración será de 6€.

Con esta iniciativa búscase pór en valor os produtos de temporada que se poden atopar nos postos do Mercado de San Antonio, ao tempo que a gastronomía serve tamén de reclamo para atraer a novos clientes á praza de abastos tudenses que dende hai unhas semanas conta co selo de Mercado Excelente.

A concelleira de Mercados e Comercio, Ana Núñez, destaca a gran acollida que esta proposta gastronómica está a ter cada mes nunha aposta polo produto local e de temporada.  Anima a achegarse ao Mercado de San Antonio e gozar dos sabores do outono.

Comparte este artigo