Laxe aproba os Orzamentos de 2026, os máis ambiciosos dos últimos anos, e dá luz verde por unanimidade ao futuro Punto de Atención á Infancia (PAI)

Redacción

As novas contas municipais medran preto de medio millón de euros respecto a 2025, reforzan os servizos sociais, incrementan as inversións e permiten impulsar un proxecto histórico para as familias de Laxe

O Concello de Laxe aprobou no pleno ordinario celebrado na xornada de onte os Orzamentos Municipais para o exercicio 2026, unhas contas que supoñen un importante salto económico para o municipio e que saíron adiante cos votos favorables do equipo de goberno e a abstención dos grupos da oposición.

O novo orzamento contempla un incremento de 464.866,45 euros nos ingresos, pasando dos 3.428.901,87 euros en 2025 aos 3.893.768,32 euros en 2026, mentres que o presuposto de gastos aumenta en 419.182,22 euros, situándose nos 3.848.084,09 euros.

Entre os datos máis destacados figura tamén o notable incremento das inversións municipais, que pasan de 312.558,45 euros a 462.741,85 euros, é dicir, 150.183,40 euros máis que no exercicio anterior. Do mesmo xeito, os recursos destinados aos servizos sociais ascenden ata os 817.549,99 euros, máis de 100.000 euros por riba do ano pasado, consolidando o compromiso do Concello coa atención ás persoas.

Os ingresos municipais increméntanse, entre outras cuestións, pola actualización anual do IBI, pola incorporación de ingresos procedentes de operacións non orzamentarias, polo aumento das achegas do Estado e polo incremento do financiamento do Plan de Obras e Servizos (POS), destinado a gasto corrente.

Pero, sen dúbida, un dos momentos máis importantes da sesión plenaria foi a aprobación por unanimidade do Punto de Atención á Infancia (PAI), un proxecto moi demandado polas familias de Laxe e polo que o alcalde, Paco Charlín, leva traballando e realizando numerosas xestións desde hai moito tempo.

A creación deste novo servizo permitirá ampliar a atención á infancia no municipio e ofrecer unha ferramenta fundamental para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, converténdose nun avance histórico para Laxe.

O alcalde destacou a importancia dos acordos alcanzados no pleno e agradeceu o respaldo recibido nesta iniciativa:

“Son uns orzamentos pensados para seguir mellorando Laxe, reforzar os servizos públicos e continuar investindo no futuro do noso municipio. Pero, ademais, a aprobación unánime do PAI é unha excelente noticia para moitas familias. Levamos moito tempo traballando para facelo realidade e hoxe damos un paso decisivo para que este servizo sexa unha realidade canto antes.”

Con estas contas, o Concello de Laxe afronta o exercicio 2026 cun orzamento máis sólido, con maior capacidade inversora e cunha clara aposta polos servizos públicos, a atención social e os proxectos que contribúen a mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Comparte este artigo