A iniciativa da Concellaría de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística enmárcase no proxecto “Carballo na memoria”
A Concellaría de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística está a reactivar o proxecto Carballo na memoria con iniciativas como as rutas pola microtoponimia urbana guiadas polo profesor, escritor e experto en toponimia Fernando Cabeza Quiles, nas que participan máis de 150 estudantes de 4º da ESO e 1º de bacharelato. O día 13 houbo unha ruta con alumnado do IES Monte Neme, hoxe houbo outra con rapazada do IES Parga Pondal e para o venres está prevista outra.
A Casilla, a Fonte da Cristina, os Baños Novos e os Baños Vellos, A Goubea… a ruta inclúe todos eses lugares, entre outros, e tamén a explicación de cada un dos topónimos e microtopónimos que imos atopando ao longo do percorrido.
As rutas pola microtoponimia urbana naceron en setembro do ano pasado, nas Xornadas de microtoponimia organizadas polo departamento que dirixe Ángeles Pacoret co obxectivo de recuperar nomes de lugares que estaban a desaparecer.
Grazas a esta iniciativa e á colaboración da Real Academia Galega achegámonos ao proxecto Galicia nomeada. O seu coordinador técnico, Vicente Feijoo, explicou en Carballo o funcionamento da plataforma, e en poucas horas déronse de alta vinte persoas do noso concello, que engadiron máis de 100 microtopónimos. Nestes momentos están recollidos 1.114, pero aínda queda moito traballo por facer. Colabora!