• As contas reforzan a capacidade para realizar investimentos e consolidan a tendencia positiva experimentada polo Concello desde fai máis dunha década
O Concello de Miño aprobou, no pleno extraordinario celebrado hoxe, o orzamento municipal para o exercicio de 2026, que ascende a 10.624.272 euros, o que o converte no orzamento máis alto da historia do municipio. Esta cifra supón un incremento de 84.713 euros respecto ao exercicio de 2025, consolidando a tendencia de crecemento sostido experimentado nos últimos anos nas contas municipais.
A evolución das contas municipais reflicte na última década unha traxectoria de crecemento continuo. En 2016 o orzamento municipal situábase pouco por encima dos cinco millóns de euros, cifra que foi crecendo de forma paulatina ata ser duplicada. Desde ese momento, estableceuse unha tendencia ascendente que foi constante no tempo, o que permitiu ao Concello reforzar a súa capacidade de investimento.
Investimentos
Nas contas municipais resérvase unha partida de 1.340.569 euros, 497.815 máis que en 2025, centrada en levar a cabo actuacións que responden as necesidades detectadas no municipio. Entre as principais liñas de actuación inclúense a mellora da rede viaria, a rehabilitación de espazos públicos, a adecuación e modernización de equipamentos, etc. Así mesmo, prevense investimentos destinados a reforzar a accesibilidade e seguridade en distintos puntos do municipio e optimizar a rede de servizos básicos, como o saneamento, no rural.
Entre os proxectos expostos atópanse a pavimentación da rúa Real e cruzamento coa rúa da praia de Miño; a pavimentación e separación de pluviais na rúa da Igrexa – Miño; a ampliación das redes de saneamento e abastecemento na Torre (Perbes); a ampliación da rede de saneamento en Bolo, entre outros. Tamén se contempla a adecuación de aparcamento público de autocaravanas, o acondicionamento do local para o centro da mocidade ou a instalación da cuberta da pista deportiva en Xarío.
Prioridade aos servizos públicos
As contas contemplan unha partida de 6.359.916 euros para garantir o correcto funcionamento dos servizos municipais e de 2.184.659 euros para gasto de persoal. O incremento de capital nestas seccións responde á necesidade de afrontar o incremento do gasto derivado da nova contratación do Servizo de Axuda a Domicilio (SAD), do servizo de limpeza e mantemento de zonas verdes e a posta en servizo da nova escola infantil.
En termos globais, as contas presentan unha variación positiva que permite, principalmente, “afrontar ou incremento do gasto corrente e de persoal e ou aumento en máis de medio millón de euros non capítulo de investimentos” explicou o alcalde, Manuel Vázquez Faraldo.
O rexedor puxo en valor que o apartado de investimentos cobra especial relevancia, o que permitirá “acometer melloras importantes en diferentes puntos do municipio, con actuación orientadas a atender as necesidades dás diferentes parroquias e a mellora de espazos públicos”.

