• As preinscricións tanto para o Campamento ‘Miño Respira’ como para o ‘Deportivo’ poderán realizarse desde as 09.00 horas de mañá, 13 de maio, ata o martes 26 de maio ás 12.00 horas
• Este ano a asignación de prazas realizarase tendo en conta a renda per cápita das unidades familiares solicitantes
O Concello de Miño pon en marcha unha nova edición dos seus campamentos de verán. Por unha banda, a proposta ‘Miño respira’ está dirixida a nenos e nenas nacidos entre 2014 e 2022 e busca facilitar a conciliación das familias durante as vacacións estivais ao mesmo tempo que se promoven valores como a igualdade, a corresponsabilidade e a socialización. Pola outra, o campamento deportivo está dirixido a nenos e nenas nadas entre 2012 e 2018 e busca ofrecer unha alternativa de lecer saudable e promover hábitos de vida activos entre os máis pequenos e pequenas.
O programa contará este ano con 360 prazas distribuídas en catro quendas entre os meses de xullo e agosto. A primeira comprenderá do 1 ao 15 de xullo, a segunda do 16 ao 31, a terceira do 3 ao 14 de agosto e a cuarta do 17 ao 28. As actividades programadas do campamento Respira desenvolveranse en dúas localizacións: o local social de Bemantes e o de Xarío, mentres que o deportivo irá alternando.
As inscricións
O prazo de preinscrición abrirase mañá, mércores 13 de maio, ás 09.00 horas e permanecerá activo ata o martes 26 de maio ás 12.00 horas. Todas as solicitudes presentadas fóra dese período serán consideradas fóra de prazo. No caso de que queden vacantes unha vez finalice o proceso, abrirase un novo período para completalas.
Como principal novidade, desde o Concello sinalan que a asignación de prazas realizarase tendo en conta a renda per cápita das unidades familiares solicitantes, ordenando as solicitudes por orde crecente.
As familias poderán solicitar participación nas catro quendas, aínda que se dará prioridade a que todas aquelas persoas que cumpran os requisitos poidan acceder, como mínimo, a unha.
En cada campamento haberá 80 prazas ofertadas nas dúas quendas de xullo e 70 nas de agosto.
O campamento de conciliación ten como obxectivo ofrecer un espazo lúdico, educativo e seguro no que os nenos e nenas poidan socializar, participar en actividades e formarse en valores vinculados á igualdade de xénero, a inclusión social e o respecto pola diversidade. Estes serán algúns dos aspectos aos que atenderá a programación, incorporándoos tanto en actividades específicas como nas dinámicas do campamento.
Pola súa banda, o deportivo busca fomentar hábitos saudables e promover un estilo de vida activo a través do xogo, o deporte e as actividades ao aire libre. A programación inclúe propostas adaptadas ás diferentes idades co obxectivo de incentivar a práctica deportiva e fomentar valores como o traballo en equipo.

