Neda abre o prazo para solicitar as axudas municipais para a adquisición de libros e material escolar

Redacción

O Concello eleva nun 125% o umbral económico para optar á subvención

O Concello de Neda abre o prazo para solicitar as axudas para a adquisición de libros de texto e material didáctico complementario, destinadas ás familias con rendas máis axustadas da localidade, cuxos fillos/as cursen estudos de calquera nivel educativo, agás o universitario. A convocatoria, destinada a compensar os gastos derivados do arranque do curso académico 2026-2027, chega con novidades ao elevarse substancialmente os umbrais de renda con respecto a anos anteriores.

Así, poderán optar ás axudas municipais as familias empadroadas no municipio que estean ao corrente das obrigas tributarias municipais e cuxa renda per capita non superen os 900 euros mensuais. O tope establecido en exercicios anteriores era de 400. Un cambio que facilitará que máis xente poida beneficiarse.

Os menores para os que se piden as bolsas terán que estar matriculados en centros sostidos con fondos públicos, e poderán estar cursando educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato ou formación profesional.

Segundo o establecido nas bases da convocatoria, a finalidade das axudas será a compra dos libros ou ben de material didáctico complementario, é dicir, material de papelería, mochilas e estoxos. E, evidentemente, as familias peticionarias non poderán ter recibido outra subvención pública para o mesmo concepto.

Os Servizos Sociais do Concello serán os encargados do estudio e valoración das solicitudes, primando especialmente ás familias con menos ingresos e as que dispoñan de máis fillos ao cargo. Unha avaliación que determinará a distribución dos 4.000 euros do orzamento reservados a este fin.

O prazo para presentar no rexistro municipal as solicitudes e a documentación complementaria rematará o 1 de decembro.

Comparte este artigo