A iniciativa leva por lema “Reducir, reutilizar e reciclar está nas túas mans”
Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Terra, que se celebra baio o slogan “O noso poder, o noso planeta”, o Concello de Neda activa unha campaña divulgativa e de sensibilización destinada a fomentar a redución dos residuos e optimizar a reciclaxe na localidade. A iniciativa, que se prolongará ata comezos do mes de xullo, incluirá unha primeira campaña nas redes sociais municipais, que se completará coa edición de material informativo e con distintas accións promocionais.
A iniciativa busca implicar á veciñanza no reto ambiental que constitúe a axeitada xestión dos residuos domiciliarios. Así, dende a administración local se fixa o dobre obxectivo de reducir a cantidade de lixo que vai para ao colector de restos, e dar un impulso e mellorar a separación en orixe que se fai nos fogares e a reciclaxe.
“Reducir, reutilizar e reciclar está nas túas mans” é o lema da iniciativa que repasará as claves para a correcta separación dos residuos domésticos, incidirá nos residuos “impropios” que van parar ao colector incorrecto, e porá en valor iniciativas e boas prácticas que se desenvolven na localidade.
A campaña completarase con material informativo en soporte papel para chegar especialmente á veciñanza de maior idade, e recoller indicacións básicas para saber onde vai cada residuo. Finalmente, se desenvolverán en varios días claves relacionados co Medio Ambiente, accións promocionais para proxectar a mensaxe, así como para facilitar a colaboración veciñal.
O Concello confía en que a campaña divulgativa, xunto a medidas adicionais que se porán en marcha ao longo do ano, contribúa a mellorar as cifras de reciclaxe do municipio e a reducir a fracción, co obxectivo de poder beneficiarse así da bonificación no canon que debe aboar a Sogama polo tratamento dos residuos.

