O Concello pecha este martes as últimas actividades do programa “Nedactívate” do curso 2025-2026. Un total de 245 persoas participaron dende o mes de outubro nas diferentes escolas deportivas e nos obradoiros de estimulación cognitiva municipal. Iniciativas que volverán tras o verán.
A oferta incluíu nos últimos nove meses unha decena de propostas deseñadas para fomentar a actividade física e a vida saudable, especialmente entre a poboación adulta do municipio. tendo como escenario principal, aínda que non único, o centro cívico da vila.
As modalidades deportivas de maior éxito foron pilates (nada menos que 47 persoas, en varios grupos), ioga, e ximnasia de mantemento. E entre a rapazada volveron triunfar as clases de patinaxe na pista polideportiva do Roxal.
A programación habitual incluíu ademais adestramento funcional, ximnasia saudable, ximnasia terapéutica, zumba, e ximnasio. En total, unhas 40 horas semanais de clases.
Tamén consolidaron a súa boa acollida por parte dos máis maiores as actividades realizadas no ámbito do benestar social. Así, os grupos de memoria, que se reúnen na biblioteca, sumaron ata 27 participantes, e o de mentes activas, que se desenvolve na casilla do Puntal, unha ducia.
A administración local retomará, como vén sendo habitual, a programación regular de cursiños tras a tempada estival, un período no que se organizarán actividades acuáticas e deportivas destinadas especificamente ao público infantil.

