Neda prohibe usar auga da rede municipal para o enchido de piscinas, regos de xardíns e outros usos non esenciais

Redacción

O Concello dispón un camión cisterna e activa o reparto de auga envasada para paliar a falta de subministro que padece parte da vila

O alcalde de Neda, Ángel Alvariño, vén de ditar un bando cunha serie de “medidas extraordinarias de aforro de auga”, ante a situación de seca que se está a vivir na comarca, e os problemas de subministro que están padecendo dende o pasado martes numerosas zonas da localidade. As restricións buscan garantir, na medida do posible, o abastecemento para o consumo humano e usos esenciais.

Así, comeza o documento prohibindo o enchido total ou parcial de piscinas privadas, a utilización de auga da rede municipal para lavar os vehículos particulares e tamén para o rego de xardíns, zonas verdes, e espazos ornamentais. Incide ademais na necesidade de realizar un “uso responsable da auga”, dada a actual falta de reservas hidráulicas, “adoptando medidas de aforro no ámbito doméstico e comercial”.
Finalmente, lembra que a colaboración de toda a veciñanza é fundamental para preservar este recurso esencial, e poder abastecer aos fogares.

O Concello e Veolia, empresa concesionaria do servizo municipal, seguen a traballar para restablecer o subministro nas zonas altas do municipio e naqueles outros puntos nos que se están a rexistrar interrupcións do abastecemento como consecuencia da falta de presión.

O Belelle xa non está a aportar nin unha gota á rede, que se nutre exclusivamente da auga que chega das Forcadas vía Narón- o volume varía, segundo o consumo que se faga na cidade veciña- e, co fin dos traballo de conexión en Conces, tamén vía Fene, así como de camións cisterna.
Subministro alternativo

Dende esta mañá, está operativo un subministro alternativo. A veciñanza afectada pola falta de abastecemento pode achegarse ao camión cisterna situado en Albarón para levar auga en garrafas. E, en paralelo, o Concello activou o reparto de auga envasada entre aquelas persoas que, polo motivo que sexa, non poden achegarse ata o citado punto. Teñen que solicitalo a través dos teléfonos 689028675 e 659684435. Ademais, dende o consistorio porase o foco nos maiores dependentes que dispoñen de servizos municipais do axuda no fogar.

Comparte este artigo