A actuación, cun investimento próximo ao medio millón de euros, forma parte dos proxectos estratéxicos deixados en marcha polo BNG para transformar Cabanas
“Mentres o actual goberno vive da herdanza recibida, os principais investimentos que avanzan no concello seguen sendo proxectos impulsados polo BNG”, destaca a formación nacionalista
O BNG de Cabanas valora positivamente a posta en funcionamento das actuacións de mellora ambiental, accesibilidade e dixitalización executadas no Piñeiral da Madalena e a súa contorna. Trátase dun proxecto estratéxico cun investimento próximo ao medio millón de euros que permitirá mellorar a conservación dun dos espazos naturais máis emblemáticos do concello e reforzar a súa capacidade como recurso ambiental, social e turístico.
A formación nacionalista lembra que esta actuación foi integramente concibida, planificada, tramitada e financiada durante o anterior mandato municipal. Foi nese período cando se identificaron as necesidades do espazo, se encargou a redacción técnica do proxecto e se conseguiu o financiamento a través dos fondos do Convenio de Transición Xusta.
Para o BNG, o desenvolvemento destas melloras permite constatar unha realidade evidente: os poucos proxectos transformadores que están chegando a Cabanas neste mandato teñen a súa orixe no traballo desenvolvido durante o anterior goberno. Ademais da actuación no Piñeiral da Madalena, iniciativas como o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino das Fragas do Eume, a posta en valor do patrimonio natural e cultural ou os investimentos vinculados á modernización da oferta turística foron deseñados e deixados en marcha antes da chegada do PP á alcaldía.
“Os feitos falan por si sós. Tres anos despois do cambio de goberno, os investimentos máis importantes que ve a veciñanza continúan sendo proxectos que quedaron preparados, financiados e listos para executar durante o anterior mandato. Iso demostra quen tiña unha idea clara de futuro para Cabanas e quen se limitou a vivir da herdanza recibida”, sinala a viceportavoz municipal do BNG, Paula González, que substitúe nestas semanas a Iago Varela, de permiso por paternidade.
Un proxecto pensado para conservar e mellorar o Piñeiral
A actuación responde a unha visión integral do espazo, compatibilizando o uso público coa conservación ambiental.
Entre as melloras executadas figuran actuacións para a protección do sistema dunar, a mellora da accesibilidade universal, a renovación da sinalización, a instalación de sistemas de información dixital alimentados con enerxía solar e diversas medidas destinadas a ordenar os usos e reducir o impacto sobre o ecosistema.
Especial relevancia ten a eliminación de barreiras arquitectónicas e a mellora dos accesos ao areal, permitindo que persoas con mobilidade reducida poidan desfrutar deste espazo en condicións de igualdade.
Segundo o BNG, estas actuacións responden á filosofía coa que se traballou no anterior mandato: apostar por un modelo de desenvolvemento sustentable, baseado na protección do patrimonio natural, na mellora da calidade dos espazos públicos e na xeración de oportunidades económicas ligadas a un turismo respectuoso co territorio.
Un proxecto que chegou a estar en risco
A formación nacionalista lembra tamén que a posta en marcha destas actuacións contrasta coa política desenvolvida polo actual goberno municipal respecto ao propio Piñeiral da Madalena durante os últimos anos.
Desde a chegada do PP á alcaldía, o espazo foi escenario de actuacións moi cuestionadas, como as talas realizadas para habilitar o aparcadoiro de pago (suspendido por mandato xudicial), a acumulación de area procedente das obras de saneamento sobre zonas verdes do piñeiral ou diferentes intervencións executadas sen unha planificación clara e que xeraron unha importante contestación veciñal.
“O máis preocupante é que, mentres se executaba un proxecto financiado con fondos europeos para conservar e protexer o Piñeiral, o Concello desenvolvía actuacións que ían precisamente na dirección contraria. Houbo momentos nos que parecía que o goberno municipal non entendía o valor ambiental e patrimonial deste espazo”, lamenta González.
Para a viceportavoz nacionalista, resulta especialmente significativo que a mesma administración que agora tenta apropiarse politicamente destas obras fose incapaz de impulsar ningún proxecto de dimensión semellante durante toda a lexislatura.
“Cabanas leva tres anos instalada na inercia. Non hai novos proxectos estratéxicos, non hai novas oportunidades de financiamento captadas polo goberno municipal nin existe unha folla de ruta para o futuro do concello. O que estamos vendo son actuacións que quedaron encamiñadas grazas ao traballo realizado anteriormente”, afirma.
Seguimento da execución das obras
A formación nacionalista anunciou tamén que realizará un seguimento detallado da execución do proxecto para comprobar que todas as actuacións previstas foron realizadas conforme aos criterios técnicos aprobados inicialmente e que os fondos públicos acadados para esta finalidade se investiron correctamente.
“O Piñeiral da Madalena é un dos símbolos de Cabanas e merece o máximo respecto. Alegrámonos de que este proxecto sexa xa unha realidade para a veciñanza, pero tamén imos ser esixentes para garantir que cada euro investido cumpra coa finalidade para a que foi concedido”, sinala González.
“O noso compromiso segue sendo o mesmo: planificar o futuro, captar oportunidades e traballar por un modelo de concello que protexa o seu patrimonio natural e mellore a calidade de vida da veciñanza. Esa foi a filosofía coa que deixamos en marcha este proxecto e seguirá sendo a nosa folla de ruta para os próximos anos”, conclúe.

