A formación nacionalista denuncia deficiencias no procedemento, incompatibilidade co solo rústico, ameazas para o río Anllóns e impactos sobre vivendas, explotacións gandeiras e patrimonio arqueolóxico de Soandres.
O grupo municipal do BNG da Laracha vén de rexistrar este mércores alegacións contra o proxecto da macroplanta de biogás promovida por Bioenergía A Coruña en Vista Alegre, Soandres, ao considerar que a iniciativa presenta “graves deficiencias técnicas, ambientais e legais” que xustifican a denegación da autorización ambiental integrada e da declaración de impacto ambiental favorable.
Nas alegacións, o BNG denuncia en primeiro lugar un “defecto grave de información pública”, ao non terse posto a disposición da cidadanía documentación esencial do expediente, como a memoria SANDACH ou informes sectoriais de organismos competentes, vulnerando así o dereito á participación pública efectiva.
A formación nacionalista considera ademais que a planta é incompatible co réxime xurídico do solo rústico, tanto pola dimensión da instalación —cun tratamento previsto de 63.500 toneladas anuais— como polo incumprimento dos límites de ocupación, altura e integración paisaxística establecidos na Lei do Solo de Galicia. Tamén alertan de que o acceso previsto, a través dun camiño municipal estreito e sen capacidade estrutural, resulta incompatible co tránsito diario de entre 25 e 30 camións pesados.
Outro dos aspectos centrais das alegacións é o risco ambiental sobre o río Anllóns e o dominio público hidráulico. O BNG cuestiona a capacidade da planta para garantir un tratamento seguro dos grandes volumes de residuos líquidos e advirte da ausencia dunha modelización rigorosa dos vertidos, especialmente en escenarios de choiva intensa, estiaxe ou fallo da depuradora industrial interna.
As alegacións tamén poñen o foco nos riscos sanitarios asociados ao tratamento de subprodutos animais SANDACH de categoría 2, advertindo da falta de garantías sobre a bioseguridade da instalación, o risco de emisión de patóxenos e os posibles efectos sobre explotacións gandeiras e vivendas próximas.
No relativo á saúde pública e á calidade de vida da veciñanza, o BNG denuncia que o estudo ambiental minimiza o impacto por cheiros, ruído, tráfico pesado e emisión de bioaerosois, sen incorporar estudos completos sobre a afección ás vivendas máis próximas nin escenarios de funcionamento desfavorables.
A formación nacionalista advirte tamén do impacto sobre o patrimonio cultural da zona, ao situarse a planta nun ámbito con presenza de mámoas, castros e petróglifos catalogados, entre eles a Mámoa de Chousa Grande. Segundo sinalan, a instalación industrial sería “estruturalmente incompatible” coa protección da paisaxe arqueolóxica e coas obrigas establecidas na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.
O escrito presentado recolle ademais advertencias sobre o risco de incendios forestais, as afeccións derivadas das faixas de xestión de biomasa e a ausencia dunha análise real de alternativas, criticando que a localización escollida responde aos intereses da empresa promotora e non a unha planificación territorial e ambiental rigorosa.
Por todo isto, o BNG solicita a denegación do proxecto e, subsidiariamente, a suspensión da tramitación ata que se completen todos os estudos ambientais, hidrolóxicos, arqueolóxicos, acústicos e sanitarios necesarios.
“O futuro da Laracha e do noso rural non pode quedar condicionado por un macroproxecto industrial cheo de incertezas ambientais e legais”, decalrou a portavoz Carolina Castiñeiras. “Animamos a que todas a s persoas que aínda non presentaron alegacións contra este proxecto, o fagan antes do día 26 de maio, cando remata o prazo” conclúen desde o grupo municipal nacionalista.

