A asemblea do BNG de Compostela decidiu por unanimidade a continuidade de Goretti Sanmartín Rei como candidata
Na presentación participou a portavoz nacional, Ana Pontón, para facer pública a decisión
A militancia do BNG de Compostela decidía por unanimidade en asemblea o pasado luns, día 18, que Goretti Sanmartín Rei será a persoa que encabece a lista nas vindeiras eleccións municipais de 2027.
O BNG vén de facer pública esta decisión nun acto que contou coa presenza da portavoz nacional, Ana Pontón, quen asegurou que, ao igual que “hai tres anos dixen que eu tiña moi claro que Goretti Sanmartín ía facer historia converténdose na primeira alcaldesa de Santiago de Compostela, hoxe teño igual de claro que Goretti Sanmartín vai recibir o apoio maioritario para continuar construíndo un Santiago en grande con máis forza que nunca”. Neste senso, Ana Pontón asegurou que fronte a “unha oposición corrosiva e destrutiva que está poñendo paos nas rodas e limitando o avance da cidade por puro interese partidista”, o que “necesita Santiago de Compostela neste momento é ese apoio maioritario” para seguir avanzando “cunha alcaldesa coas ideas claras e que vai na boa dirección”. Tamén fixo fincapé en que Goretti Sanmartín é “unha alcaldesa pegada á rúa” que fai política desde a empatía, desde o diálogo e coa man tendida.
Pola súa banda, Goretti Sanmartín asegurou que se presenta como candidata co “aval destes tres anos de traballo” na alcaldía de Compostela, poñendo en marcha iniciativas transformadoras e de longo alcance e tamén “co aval de termos retos por diante para seguir mellorando Santiago no futuro”. De cara ao próximo mandato, indicou que “Santiago necesita consolidar o que xa logrou avanzar e afrontar novos retos” e, entre os retos de futuro, mencionou “fortalecer os sectores que garanten a diversidade económica, coas infraestruturas e conexións para dar saída aos produtos e cos servizos que apoien a produción e o comercio local, e garantir a sustentabilidade, especialmente na xestión da auga e dos residuos, mais tamén do territorio e dos servizos”.
Situar Santiago no bo camiño
A actual alcaldesa asegurou que o traballo realizado á fronte do goberno municipal situou Santiago de Compostela “no bo camiño” e enumerou seis criterios que guían a súa folla de ruta: valentía política, rigor, honestidade, xenerosidade, orgullo picheleiro e ambición.
Así, asegurou que foi grazas á valentía política dun goberno do BNG como se conseguiu a implantación do Imposto de Estadías Turísticas en Santiago, afirmando que “tivo que ser o BNG o que superase todos os atrancos que lle puxeron a unha medida que era un clamor social en Compostela”. Tamén puxo como exemplo o novo modelo de comedores no que se está traballando, que tamén cualificou como un clamor entre a comunidade educativa e unha aposta clara e decidida pola conciliación e por produtos de proximidade e de calidade.
Asegurou que foi o rigor o que guiou os “pasos sólidos” que se deron para tramitar un novo contrato de transporte, cun novo deseño do servizo con máis liñas e máis cobertura territorial, ou os pasos dados para atopar o encaixe para desbloquear a parcela de Peleteiro tras máis dunha década, así como o proceso para acadar a declaración de Zona de Mercado Residencial Tensionado e as modificacións no planeamento para regular os apartamentos turísticos, protexer o comercio de proximidade, o gravame para as vivendas baleiras, o impulso dun parque público de vivenda en alugueiro ou poñer freo ás tendas de souvenirs.
Defendeu que, fronte ao curtopracismo e as políticas-cosmética, o seu goberno aposta pola honestidade, poñendo como exemplo a forma de afrontar os atrancos que xorden no transcurso das obras “poñendo por diante a mellor maneira de solucionalos, pensando no ben común. Isto é, en que a obra quede como debe, e non pensando en intereses partidistas”, e mencionou obras como as de Vilarmaior e de García Lorca.
“A xenerosidade demostrámola en todo o relativo á conectividade aérea” explicou Goretti Sanmartín, e lembrou o ofrecemento de sumar o que Santiago inviste nas campañas de promoción de rutas, os seus contactos e a súa capacidade técnica ás da Xunta de Galiza e ás das demais cidades para acadar un verdadeiro sistema aeroportuario de país. Mentres que o orgullo picheleiro para poñer en valor e recoñecer o labor de persoas e entidades que constrúen Santiago no día a día, e institucionalizar as distincións “Alba de Compostela”, situando no centro da celebración do 25 de xullo a veciñanza compostelá, ou a aposta polo talento de proximidade en festas como as de Nadal.
Goretti Sanmartín situou a ambición no cerne da Compostela dos vindeiros anos, relacionándoa coas iniciativas que implican o redeseño urbano tanto do Ensanche como do Conector Central, para gañar máis espazo para as persoas e reducir o tránsito de vehículos, así como os proxectos para remodelar a zona norte da cidade incluídos no Plan Horizonte Compostela. “Estamos falando de iniciativas concretas, constatábeis, avances obxectivos que ratifican que nestes tres anos co BNG na Alcaldía e liderando o goberno municipal situamos Compostela no bo camiño” puntualizou Goretti Sanmartín Rei.

