O Castelo de Narahío presentará este sábado o cartel e o programa da XXXI edición do Festival do Río Castro

Redacción

Será a partir das 13:30h no Bar Eladio, no lugar do Eirexado, coa actuación da Corral Poliafónica do Aturuxo de Melpómene

A presentación irá precedida dunha ruta cultural guiada polo arqueólogo Eloi Saavedra que comezará no castelo ás 10:30h

A Asociación veciñal O Castelo de Narahío presentará este sábado 30 de maio o cartel e a programación musical da XXXI edición do Festival do Río Castro, que se celebrará no lugar da Bóla o primeiro sábado de xullo. Como vén sendo habitual nos últimos anos, a entidade vai alternando as presentacións entre as dúas tabernas que aínda funcionan na parroquia, e nesta ocasión a cita será no Bar Eladio, no Eirexado. A partir das 13:30 horas alí daranse a coñecer o deseño do cartel, obra do artista gráfico Juanlu Nacha, así como as actividades e os grupos que compoñen o programa desta 31ª edición. A presentación contará ademais coa actuación da Corral Poliafónica do Aturuxo de Melpómene. A sesión vermú incluirá petiscos coas consumicións e continuará durante a tarde cunha foliada libre.

Porén, a xornada comezará xa pola mañá. Ás 10:30 horas iniciarase ao pé do castelo de Naraío unha ruta cultural e ambiental de balde, guiada polo arqueólogo Eloi Saavedra, que rematará na igrexa parroquial, coincidindo co inicio da sesión vermú.

Durante o percorrido, as persoas participantes saberán do pasado da fortaleza medieval de Narahío, que tras numerosos estudos e traballos de consolidación segue gardando para si as certezas sobre as súas orixes.

Tras percorrer os seus muros e a torre principal co relato de contextualización histórica de Saavedra, o percorrido continuará uns metros máis abaixo, onde se atopa a fervenza e a central hidroeléctica, voada polo maquis nos anos corenta do século pasado.

A ruta proseguirá despois río abaixo pola beira norte do Castro. Un itinerario que aínda hoxe mostra exemplos de polo menos seis muíños tradicionais e que, ademais, permitirá descubrir diversos elementos do patrimonio etnográfico, como casas de labranza, hórreos ou a ponte medieval da Ferraría co seu porco de pedra.

A ruta rematará no templo parroquial de Santa María, un dos máis antigos da comarca -algunhas fontes sitúan a súa fundación no século IX-. A igrexa garda tumbas coa heráldica da familia Pita da Veiga, unha espectacular bóveda nervada e un retábulo de grande valor artístico, tras do que aínda se conservan ocultas pinturas ao fresco, posiblemente dos séculos XVI ou XVII.

Para participar neste percorrido cultural e ambiental non fai falla inscrición previa, abonda con estar o sábado ás 10:30h no castelo de Naraío. Desde a asociación infórmase ademais de que ao finalizar a ruta se coordinará o transporte para recoller os vehículos que quedasen no punto de inicio.

Arredor de 20.000 euros de orzamento e colaboración municipal
O Castelo de Narahío prevé un orzamento próximo aos 20.000 euros para a organización do XXXI Festival do Río Castro, unha contía que a entidade conta cubrir con recursos propios e mediante unha achega nominativa do Concello de San Sadurniño por valor de 6.500 euros. O consistorio tamén facilita a actuación Corral Poliafónica do Aturuxo de Melpómene a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Ademais, a Deputación da Coruña aproveitará o tirón do festival para seguir dándolle difusión á campaña de Turismo “A paisaxe que sabe”, e, de maneira indirecta, O Castelo tamén contará coa colaboración da Cooperativa de Meirás de Consumidores e Usuarios, que contribúe a sufragar outras actividades desenvolvidas pola asociación ao longo do ano.

Comparte este artigo