O Concello abre a convocatoria, con 2,6 millóns de euros, dos Orzamentos Participativos máis centrados nos barrios

Redacción

Do orzamento total un 80 % destinarase aos dez distritos da cidade.

Todos eles contarán con máis fondos que na pasada edición

O prazo para presentar propostas está aberto desde hoxe, na plataforma nacorunacontas.coruna.gal e tamén de maneira presencial nos rexistros municipais de María Pita, o Ágora e o Fórum Metropolitano

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá a nova convocatoria dos Orzamentos Participativos, unha iniciativa que implica directamente á cidadanía na transformación da Coruña e dos seus barrios, permitindo que propostas nacidas da propia veciñanza se convertan en melloras reais para a cidade.
“Os Orzamentos Participativos abren unha canle para que as coruñesas e os coruñeses poidan propoñer, decidir e facer visible aquilo que ás veces non entra nas grandes axendas, pero que si importa, e moito, na vida real dos barrios. Porque a cidade non se constrúe só desde os grandes proxectos, senón tamén desde as melloras cotiás”, expuxo Rey, acompañada hoxe polos concelleiros José Manuel Lage e Nereida Canosa.

Neste sentido, a nova convocatoria dos Orzamentos Participativos chega con cambios importantes. En base á experiencia dos anos anteriores, o Executivo local introduciu modificacións cun obxectivo moi claro: chegar a máis persoas e facilitar a execución dos proxectos escollidos. “Porque un proceso participativo só é sólido se xera confianza. E a confianza constrúese dicindo con claridade que propostas son posibles, cales son competencia municipal, que prazos son realistas e que investimentos poden materializarse”, explicou a rexedora.

A este respecto, unha das principais novidades da convocatorias será o seu carácter bianual, para os anos 2026 e 2027. “Isto é importante. A experiencia demostrounos que un ciclo anual condicionaba moito a execución. Os proxectos municipais precisan tramitación, informes técnicos, contratación, licitación, adxudicación e execución material. E iso, cando falamos de investimentos con certa entidade, non sempre cabe nun único exercicio”, explicou a alcaldesa, que subliñou que co novo horizonte de dous anos “gañamos planificación, gañamos rigor e gañamos capacidade para que os proxectos votados se poidan executar”.

A segunda medida destacada ten que ver coa viabilidade das propostas. Antes da fase de votación, todas as propostas pasarán por unha revisión técnica para comprobar que cumpren os requisitos básicos: que sexan investimentos, que sexan competencia municipal, que recaian sobre bens do Concello, que estean dentro dos límites orzamentarios e que poidan executarse no prazo previsto.

Ademais, a convocatoria incluirá unha valoración técnica e económica máis precisa. As propostas admitidas serán obxecto dunha avaliación técnica especializada, cunha estimación orzamentaria fundamentada e cunha marxe de seguridade para imprevistos, de maneira que os importes que cheguen á votación se axusten o máximo posible ao custo real das actuacións. “É unha aprendizaxe directa de edicións anteriores: queremos evitar que un proxecto gañador quede condicionado por unha estimación económica insuficiente”, apuntou Rey.

A distribución do orzamento reforza o peso dos barrios

Nesta nova convocatoria dos Orzamentos Participativos tamén un cambio relevante no reparto dos fondos. A dotación global será de 2,6 millóns de euros, mais modificarase a distribución para reforzar claramente o peso dos barrios. O 80% do orzamento, 2,1 millóns de euros, destinarase aos dez distritos da cidade. E o 20% restante, 500.000 euros, reservarase para propostas de ámbito xeral, para o conxunto da Coruña.
“Na edición anterior, o reparto era do 60% para distritos e do 40% para cidade. Agora damos un paso claro cara a unha participación máis próxima, máis territorial e máis conectada co Plan de Barrios. E non só destinamos máis recursos aos distritos. Tamén melloramos a maneira de repartilos. Haberá unha parte fixa, igual para todos os distritos, e unha parte proporcional á poboación residente en cada un deles. Así garantimos dúas cousas: que todos os barrios teñan unha base suficiente para impulsar actuacións, e que os distritos con máis poboación teñan tamén un recoñecemento acorde ao seu peso demográfico. O resultado é claro: se na edición anterior o máximo que podía recibir un distrito roldaba os 150.000 euros, nesta edición todos os distritos da cidade superan esa cifra. Todos. Non é un cambio menor. É unha mellora estrutural da capacidade de decisión dos barrios.

Poderán participar todas as persoas empadroadas na Coruña que teñan 16 anos cumpridos no momento de participar. “Queremos que este sexa un proceso amplo, aberto e interxeracional. E queremos tamén que a xente nova forme parte das decisións sobre a cidade na que vive”, dixo Rey.

O prazo para presentar propostas, aberto desde este luns 25 de maio

O prazo de presentación de propostas na nova convocatoria dos Orzamentos Participativos está aberto desde hoxe e permanecerá aberto ata o 19 de xuño.

As propostas poderán presentarse a través da plataforma nacorunacontas.coruna.gal e tamén de maneira presencial nos rexistros municipais de María Pita, o Ágora e o Fórum Metropolitano.

Despois abrirase a fase de revisión e valoración técnica: primeiro, entre o 20 e o 29 de xuño, comprobarase a admisibilidade das propostas; e, entre o 30 de xuño e o 16 de xullo, realizarase a valoración técnica, xurídica e económica das propostas admitidas.

A votación cidadá desenvolverase do 17 de xullo ao 31 de agosto. Cada persoa poderá votar varias propostas: tanto de ámbito de cidade —ata esgotar a dotación reservada para o conxunto da Coruña— como de ata tres distritos á súa libre elección. E poderá facelo tanto a través da plataforma dixital como de maneira presencial, nas urnas que se habilitarán en equipamentos municipais.

A alcaldesa reflexionou sobre o formato da convocatoria, apuntando que “a participación non consiste só en abrir unha plataforma. Para participar hai que ter información, facilidades e un Concello presente nos barrios. Por iso, durante o período de propostas, o Goberno municipal percorrerá os distritos, como xa temos feito noutros procesos semellantes, para explicar estes orzamentos, resolver dúbidas, escoitar á veciñanza e facilitar que ninguén quede fóra por dificultades dixitais ou de acceso”.

Estes encontros comezarán cun primeiro acto coas entidades veciñais da cidade, para o que en breve se anunciará a data.

Os centros cívicos, as bibliotecas, o servizo 010 e o persoal dos rexistros municipais tamén estarán a disposición da cidadanía para apoiar a presentación de propostas. “En resumo: máis recursos para os barrios, un reparto máis xusto, máis tempo para executar, máis rigor técnico e máis garantías para que o que a veciñanza vote se converta en realidade”, dixo Rey.

Comparte este artigo