Este xoves, o pleno deulle luz verde á aprobación inicial ao texto da nova ordenanza, coa que se lles incrementa o número de anos de permanencia nos CME ás empresas en fase de incubación e consolidación
O Palacio Municipal de María Pita acolleu hoxe a sesión ordinaria do pleno municipal de xaneiro, no que a Corporación lle deu luz verde á aprobación inicial da nova ordenanza que permitirá unificar o regulamento dos centros municipais de empresas habilitados en Agrela e o Papagaio.
A concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas apuntou que, con esta medida, “o Goberno de Inés Rey busca refundir e facer máis sinxela a normativa existente, introducindo modificacións que melloren e reforcen a ocupación destas instalacións, co obxectivo de lles dar facilidades ás e aos emprendedores asentados na cidade”.
Cabanas lembrou hoxe que entre as variacións previstas está a de aumentar de dous a catro anos o tempo que determina ata cando se considera como tal unha nova empresa. Ademais, tamén se contempla incrementar o número de anos de permanencia nos CME, que pasaría a ser dun máximo de catro nas modalidades de incubación e consolidación.
A concelleira apuntou que o abano de modificacións que contempla o novo texto tamén inclúe a supresión dos elementos administrativos que dificultaban o acceso aos CME. Desta forma, está previsto eliminar a participación de entidades externas na comisión de valores de proxecto para facer máis áxiles os trámites. “O noso obxectivo é que cada persoa emprendedora poida dedicar máis tempo ao desenvolvemento do seu negocio e menos a afrontar procesos administrativos longos e complexos”, explicou.
Cómpre lembrar que o proxecto da ordenanza xa recibiu o visto e prace da Xunta de Goberno Local a mediados de decembro. Agora, a súa aprobación inicial no pleno abre camiño á apertura do prazo de información pública que permitirá recoller as suxestións e reclamacións das persoasinteresadas, paso previo á súa volta ao pleno para someterse á aprobación definitiva e, finalmente, posta en funcionamento.
Catro minutos en silencio en lembranza das vítimas de violencia de xénero
A sesión desta mañá arrincou con catro minutos de silencio, en lembranza das vítimas de violencia de xénero contabilizadas no país desde o pasado pleno.
No ano 2024 foron 47 as vítimas de violencia de xénero no país. As catro últimas, asasinadas entre o 11 de decembro e finais de ano, en Mallorca, Cartaxena, Lugo e Madrid.