A alcaldesa, Goretti Sanmartín, acompañada pola concelleira de Turismo, Míriam Louzao, e polo concelleiro de Facenda, Manuel César, encabezou esta mañá a reunión de traballo co equipo da USC co que o Concello está a traballar na elaboración da ordenanza do imposto sobre estadías turísticas.
Na xuntanza analizouse un primeiro borrador elaborado polo catedrático en Dereito Financeiro e Tributario, César García Novoa, e sobre o que traballará conxuntamente co persoal municipal de Tesouraría. O obxectivo é presentarlle un texto o máis pechado posible ás asociacións do sector turístico nas vindeiras semanas.
Entre as cuestións que se están pechando poden mencionarse aspectos como a periodicidade das autoliquidacións ou a composición da comisión municipal de asesoramento e seguimento da implementación deste imposto.
Ademais de César García Novoa, por parte da USC tamén participaron no encontro María Xosé Piñeira, Miguel Pazos e Rubén Lois, este último por medios telemáticos. Por parte do Concello, participaron o responsable da área municipal de Tesouraría, Carlos Moure, persoal técnico da área de Turismo e a xerente de Turismo de Santiago.
Cabe lembrar que esta colaboración está incluída no convenio para a consecución dun Pacto Local por un Turismo Sustentable, que foi asinado entre o Concello de Santiago e a USC no marco do Plan de sustentabilidade turística se está a desenvolver en colaboración coa Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria e Turismo.