A concelleira Noemí Díaz apuntou que o abano de intervencións a executar no barrio continuará nos próximos meses coas melloras de mobilidade previstas nas rúas Pedreiras, Río, San Pedro de Visma, Costa e Barral
O Concello completou nestas semanas os últimos detalles das obras de renovación da rede de saneamento da rúa Loureiro, situada en San Pedro de Visma, onde se levou a cabo un investimento de case 49.000 euros para substituír os antigos colectores de formigón por uns novos de PVC.
Ademais, aproveitando esta actuación, tamén se procedeu á separación da rede instalando novas tubaxes específicas para as augas pluviais, mellorando así a recollida de augas en orixe.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, lembrou que o abano de intervencións que o Goberno de Inés Rey prevé executar no barrio continuará nos vindeiros meses, coas melloras de mobilidade xa definidas nas rúas Pedreiras, Río, San Pedro de Visma, Costa e Barral, onde se actuará para crear itinerarios peonís máis accesibles, reordenando tamén os espazos de paso para o tráfico rodado e as áreas de estacionamento, aproveitando para reforzar a sinalización horizontal e tamén acometendo tarefas para canalizar o saneamento e rede eléctrica.
O proxecto de obra para acometer estas actuacións aprobouse a mediados de decembro na Xunta de Goberno Local.
As melloras do circuíto de saneamento na Coruña, unha medida de continuidade
Os traballos na rúa Loureiro danlle continuidade ao plan de renovación da rede de saneamento na Coruña que está a impulsar, desde o mandato anterior, o Goberno de Inés Rey, actuando barrio a barrio e dándolle prioridade ás intervencións máis necesarias, ben pola antigüidade dos colectores ou para solucionar deficiencias.
Só durante o ano pasado leváronse a cabo intervencións na rúa Bugallal Marchesi (Elviña), rematou a instalación das novas tubaxes na rúa Ana María Mogás Fontcuberta (A Zapateira), completáronse as obras de mellora nas rúas Novoa Santos (Catro Camiños) e París (A Zapateira), executouse a primeira fase de creación da nova rede separativa do Barrio das Flores e leváronse a cabo máis actuacións na rúa Capitán Juan Varela e Asturias (Os Mallos).
Actualmente, o Concello tamén está a traballar na rúa Marsella (A Zapateira) e Juan Castro Mosquera (A Falperra).