Dentro do compromiso permanente do Goberno municipal coa defensa e mellora do ensino público, concedéronse un total de 80.336 euros aos distintos colexios e institutos públicos do municipio para contribuír ao financiamento das actividades e necesidades dos centros educativos. Ademais destes fondos, o Concello realiza continuamente a petición das direccións e das ANPA distintas obras de mellora nas instalacións educativas que, aínda sendo competencia da Xunta, a administración autonómica ignora por sistema.
Con estas achegas económicas, os centros poden financiar actividades educativas, deportivas e sociais complementarias; adquisición de material didáctico; eventos e celebracións conmemorativas; excursións de fin de curso…
Nos próximos días resolveranse tamén as subvencións que o Concello concede anualmente ás asociacións de nais, pais e familias (60.000 euros en total), que foron solicitadas ao inicio do curso escolar para que estivesen adaptadas ás necesidades concretas do presente curso académico. Estas axudas, xunto coas que se conceden aos centros, tamén permiten apoiar distintas actividades imprescindibles para a calidade dos centros, a formación e a conciliación.
SUBVENCIÓNS CONCEDIDAS
CEIP ISIDRO PARGA PONDAL: 10.953,00 €
CEIP RABADEIRA: 7.637,00 €
CEIP VALLE INCLÁN: 9.082,00 €
CEIP LUIS SEOANE: 7.382,00 €
CEIP JUANA DE VEGA: 10.781,00 €
IES MARÍA CASARES: 12.601,00 €
IES MIRAFLORES: 11.424,00 €
IES NEIRA VILAS: 10.476,00 €
O Concello de Oleiros mantén así o seu compromiso cun modelo educativo público, de calidade e con recursos, colaborando cos centros e coas familias para que o alumnado dispoña das mellores oportunidades educativas.

