Terán lugar o sábado 16 de agosto, cun prezo de 30 euros/persoa
O Concello de Boqueixón e a Federación Galega de Espeleoloxía organizan catro novas visitas guiadas á cova do Pico Sacro, que terán lugar o sábado 16 de agosto, nas que 16 persoas poderán descubrir os segredos da cova máis lendaria de Galicia. As visitas, cun máximo de 4 persoas por quenda, terán lugar ás 10:00, 12:00, 16:00 e 18:00 horas.
O prezo da visita guiada é de 30 euros por persoa, que inclúe: visita guiada por monitores da Escola Galega de Espeleoloxía, equipamento (buzo, guantes, casco e lanternas frontais) e seguros de responsabilidade civil e de accidentes. Todas as persoas interesadas en participar nas “Baixadas espeleolóxicas ás covas do Pico Sacro” poden anotarse no mail espeleoloxia@gmail.com.
O punto de encontro para as persoas participantes será o aparcamento do Pico Sacro. Dende a organización recomendan asistir con roupa e calzado pechados e cómodos. Máis información na Federación Galega de Espeleoloxía (982 507 227, de luns a venres en horario de 9:30 a 13:30 horas).
Baixadas seguras
As baixadas á cova do Pico Sacro son totalmente seguras e estarán guiadas por técnicos da Federación Galega de Espeleoloxía, que se encargarán de proporcionar todo o equipo necesario para desfrutar desta actividade. Tras unha pequena formación técnica sobre o manexo dos arneses, as cordas e a escaleira de baixada por parte dos monitores especializados, as persoas participantes entrarán de xeito individual e guiados en todo momento polos técnicos da Federación polo Pazo da Raíña Lupa.
A visita conta cunha baixada vertical inicial polo chamado “Pozo do Pico”, con dous rápeles de 6 e 13 metros. A experiencia finaliza cun ascenso de 8 metros dende o Burato dos Mouros ata a entrada da Contramina de Juan Antón. A duración total da iniciativa será de algo máis de hora e media.
Ademais de ser un referente cultural e Xacobeo, o Pico Sacro ten a súa singularidade dende o punto de vista xeolóxico e espeleolóxico, xa é unha montaña de cuarzo no medio dun territorio caracterizado polo granito. Ademais, estas covas son tamén das poucas que se poden visitar en Galicia, xunto á Cova do Rei Cintolo.