O Concello de Brión abre ata o 2 de xuño as inscricións no “Concilia Verán” e nos “Campamentos de Verán 2026”

Redacción

O Concello de Brión vén de abrir inscricións nos seus programas de conciliación da vida laboral e familiar dos veciños e veciñas con crianzas empadroadas en Brión: Concilia Verán e Campamentos de Verán 2026. En ambos os dous casos, as inscricións estarán abertas ata as 23:59 horas do 2 de xuño na Sede Electrónica Municipal ou ata as 14:00 horas dese mesmo día no rexistro de Servizos Sociais.

O Concilia Verán está dirixido a nenos e nenas de entre os 3 e os 12 anos de idades e terá lugar en instalacións municipais con actividades matinais (de 8:00 a 15:00 horas) durante as vacacións de verán, exceptuando sábados, domingos e festivos. Haberá seis quendas dispoñibles, cun mínimo de 20 prazas e un máximo de 120.

Pola súa banda, os Campamentos de Verán Infantil e Xuvenil terán lugar do 23 ao 31 de xullo no albergue “A filla do mar” (Arcade). Dirixido a menores de entre 8 e 16 anos, con prioridade para aquelas familias que precisen conciliación.

Para ambas as dúas actividades, o Concello de Brión conta con bonificacións entre o 15 e o 50% en función da renda familiar, así como unha segunda bonificación do 25% para segundos e seguintes fillos da mesma unidade familiar. Así, os prezos dos campamentos oscilarán entre os 71 e os 293 euros; mentres que o das actividades de conciliación variarán dos 2 aos 7 euros por día.

O Concilia Verán e os Campamentos de Verán son dúas actividades de conciliación da vida laboral e familiar organizadas polo Concello de Brión en colaboración co Ministerio de Igualdade, a través do Plan Corresponsables; coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Deputación da Coruña.

Comparte este artigo