O concello de Arbo contrata as obras de acondicionamento do novo local para Protección Civil no lugar Chan

Redacción
  • O importe das obras ascende a 48.399,83 € (IVE incluído) e están financiadas pola Conselleria de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Os concellos de Arbo, As Neves e Crecente promoven o Acondicionamento de local  que servirá como base para Protección Civil, situada no Lugar Chan, no recinto do Cuartel da Garda Civil de Arbo, coa finalidade de mellorar as infraestruturas municipais destinadas á prestación dun servizo público esencial para a cidadanía.

A intervención proxectada ten por obxecto a adecuación funcional dun inmoble municipal existente mediante a súa redistribución interior para habilitar un office con cociña, vestiarios masculino e feminino, espazo de almacén e a adaptación das instalacións de abastecemento, saneamento, electricidade e iluminación, permitindo que as dependencias dean resposta ás necesidades actuais do Servizo Municipal de Protección Civil.

O Servizo Municipal de Protección Civil constitúe un recurso esencial para os concellos de Arbo, As Neves e Crecente, desenvolvendo funcións permanentes de prevención, apoio operativo e intervención ante situacións de emerxencia, accidentes, fenómenos meteorolóxicos adversos, incendios, dispositivos preventivos e colaboración cos distintos servizos públicos de emerxencias e seguridade. A existencia dunhas instalacións adecuadas resulta imprescindible para garantir a organización do voluntariado, a custodia do material operativo, a correcta preparación das intervencións e unhas condicións dignas de traballo para o persoal que presta este servizo de maneira continuada.

O alcalde de Arbo, Horacio Gil, destacou a relevancia desta actuación sinalando que «o Servizo Municipal de Protección Civil constitúe un recurso esencial para os Concellos de Arbo, As Neves e Crecente e para toda a nosa contorna. Coa execución desta obra melloramos significativamente a capacidade operativa, a organización dos efectivos e as condicións de traballo do voluntariado, ao tempo que optimizamos os recursos públicos reutilizando un inmoble municipal no recinto da Garda Civil, o que favorecerá unha coordinación moito máis directa e rápida nas emerxencias». Ademais, o rexedor subliñou que «Protección Civil dará cobertura aos tres concellos que forman parte da agrupación —Arbo, Crecente e As Neves—, tratándose dun servizo moi necesario para reforzar a seguridade e o benestar de todos os nosos veciños e veciñas».

A actuación presenta un indubidable interese público e social ao mellorar unha infraestrutura directamente vinculada á prestación dun servizo municipal de protección civil, incrementando a capacidade de resposta fronte ás situacións de emerxencia e reforzando a seguridade das persoas e dos seus bens. Deste xeito, a mellora das instalacións repercute directamente na calidade da atención prestada á veciñanza, favorecendo unha resposta máis rápida, coordinada e eficaz ante situacións de risco, así como nas tarefas preventivas e de apoio aos distintos dispositivos municipais.

Igualmente, esta actuación favorecerá unha mellor coordinación operativa entre o Servizo Municipal de Protección Civil e o resto dos servizos públicos que actúan nas emerxencias, singularmente coa Garda Civil, co 112 Galicia e cos demais dispositivos de intervención que operan no ámbito municipal e comarcal. As obras proxectadas permitirán dispoñer dunhas dependencias máis funcionais, accesibles e adaptadas ás necesidades actuais do servizo, mellorando as condicións de almacenamento dos equipos, a organización dos efectivos e a capacidade operativa do voluntariado.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, cooperará na realización da actuación mediante un convenio de colaboración asinado o 16.09.2026, cunha achega de 48.399,83 € (IVE incluído), importe que representa o 100 % do orzamento total do proxecto.

Comparte este artigo