- Ángeles Vázquez destaca que prolongar a vida útil dos equipamentos mediante a súa reparación, actualización e reutilización reduce residuos e mellora a competitividade empresarial
- Pon como exemplo que unha máquina de vending non remata a súa vida ao ser retirada, senón que se pode desmontar, reparar, actualizar tecnoloxicamente e volver ao mercado, estendendo así a súa vida útil, innovando e dándolle un novo uso
- Delikia é unha das compañías que solicitou o asesoramento da Oficina de Economía Circular Industrial para ver posibles melloras a implementar na xestión de residuos
A Xunta de Galicia anima ás empresas galegas a incorporar os principios da economía circular nos seus procesos produtivos mediante actuacións como a reutilización, a reparación e a recuperación de equipamentos industriais, unha vía que permite reducir residuos, optimizar recursos e reforzar a competitividade do tecido empresarial.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá as instalacións de Delikia Fresh Factory en Tui, empresa dedicada á venda e distribución de alimentos e que desenvolve unha estratexia de sostibilidade baseada na aplicación dos principios da economía circular ao longo de toda a súa actividade.
Durante a visita ao seu centro de recuperación de máquinas expendedoras, a representante autonómica puido comprobar como unha máquina de vending non remata a súa vida ao ser retirada, senón que se desmonta, se repara, se actualiza tecnoloxicamente e volve ao mercado, estendendo así a súa vida útil, innovando e dándolle un novo uso aos recursos.
Ángeles Vázquez explicou que este centro constitúe un exemplo de aplicación da economía circular a través da reparación e da reutilización de equipos para prolongar a súa vida útil e reducir a xeración de residuos. Ademais, destacou que a recuperación de máquinas resulta especialmente relevante desde a perspectiva ambiental xa que reduce a necesidade de fabricar equipos novos, alonga a vida dos materiais e limita a xeración de residuos industriais e electrónicos.
Neste senso, a Conselleira lembrou que a sostibilidade en Galicia é xa un motor económico de primeiro nivel, tomando como referencia esta compañía que factura máis de 70 millóns de euros e xera máis de 600 empregos. Ademais, a empresa aposta por un 99% de enerxía verde, colocou preto de 200 paneis solares en Vigo, conta con vehículos eléctricos para os seus empregados e ata valoriza os pousos do café.
Esta visita enmárcase dentro do traballo da Rede Galega de Economía Circular e da Oficina de Economía Circular Industrial, á que esta empresa solicitou asesoramento para traballar en posibles melloras a implementar na xestión de residuos. Así, a conselleira destacou que Delikia é o exemplo perfecto de que a economía circular non é unha teoría, senón unha realidade, demostrando que o respecto ambiental e o crecemento económico van da man.
Neste sentido, Ángeles Vázquez lembrou que a sostibilidade é unha responsabilidade social e unha esixencia de competitividade para o futuro, polo que as empresas precisan do respaldo firme das institucións. Deste xeito, desde o Goberno galego trabállase para ser unha rede de apoio e para impulsar, asesorar e acompañar ao tecido empresarial na transición verde.
Cómpre lembrar que a Oficina de Economía Circular Industrial é un servizo pioneiro que a Xunta puxo en marcha en maio de 2025 para estar ao lado das empresas na transición cara a modelos de negocio máis sostibles e cumpre un labor fundamental.

