HomeA CoruñaO Concello de Brión adhírese ao sistema VioGén de protección de vítimas...

O Concello de Brión adhírese ao sistema VioGén de protección de vítimas de violencia de xénero

- Anuncio -spot_img

O alcalde de Brión e o subdelegado do Goberno na Coruña copresidiron a Xunta Local de Seguridade, que se celebrou tras 6 anos de agarda

O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, e o alcalde de Brión, Pablo Lago, asinaron hoxe a adhesión deste municipio ao sistema VioGén, promovido polo Ministerio do Interior e destinado ao seguimento e protección das mulleres vítimas de violencia de xénero así como dos seus fillos e fillas. Julio Abalde, Pablo Lago, e o tenente coronel da Garda Civil, Jorge Bodelón, asinaron esta mañá o protocolo de adhesión do Concello de Brión ao sistema de protección de vítimas de violencia de xénero, VioGén.

O subdelegado do Goberno destacou a importancia de que os concellos formen parte do sistema VioGén de vixilancia e protección das vítimas porque “son precisamente eles quen están máis próximos á cidadanía e, polo tanto, son as policías locais as que dispoñen dun maior coñecemento da realidade de cada municipio, o que supón unha mellora notable na protección das mulleres vítimas de violencia de xénero”.

Pola súa banda, Lago Sanmartín destacou que “todo o que sexa avanzar cara unha protección e atención máis rápida, integral e efectiva das mulleres maltratadas é moi positivo, como tamén o é que todas as administracións e forzas e corpos de seguridade esteamos xuntos e coordinados na loita contra a violencia de xénero”.

Tras asinar o protocolo, o subdelegado manifestou que “VioGen é unha ferramenta eficaz para traballar en coordinación e seguir dando pasos adiante na defensa das vítimas”. Lembrou ademais que a loita contra a violencia machista alcanza a toda a sociedade ademais das institucións e “debemos poñer todos os recursos posibles ao servizo desta batalla contra a violencia de xénero”, engadiu Abalde.

Nese sentido fixo un chamamento para que os concellos que contan con Policía Local (actualmente son 60 os concellos que contan con estes activos) e que aínda non se incorporaron ao sistema VioGén se adhiran a el (na actualidade o 50% dos concellos está dentro do sistema VioGén).

“Cada situación de violencia implica unha muller que o Goberno considera prioritaria. Detrás hai tamén unha familia que precisa de todo o noso apoio e recursos, e nunca será suficiente o esforzo que fagamos para garantir a súa protección”, apuntou Abalde, incidindo na coordinación de todas as institucións para garantir esa seguridade necesaria para ás vítimas e as súas familias e para loitar contra a violencia machista.

Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

No transcurso da xuntanza, o subdelegado puxo de relevo o importante investimento que o Goberno de España asigna aos concellos para reforzar as políticas públicas contra a violencia de xénero coa asignación dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o ano 2025. Nesta convocatoria, os concellos da provincia da Coruña recibirán en total 783.522,87 euros, unha cantidade superior en máis de 20.000 euros á do ano pasado. En concreto, o Concello de Brión recibe preto de cinco mil euros.

Julio Abalde destacou, no eido da prevención, a relevancia do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e os seus Contornos, impulsado polo Ministerio do Interior. A través deste programa, a Garda Civil levou a cabo no curso pasado seis actividades nun centro educativo de Brión, con 150 participantes da comunidade educativa. As actividades centráronse en temas derivados do uso das novas tecnoloxías, acoso escolar e adiccións. “O Plan Director aborda as inquedanzas actuais de familias e profesorado, incorporando temáticas relevantes e conectadas coa realidade do alumnado e da sociedade en xeral”, apuntou.

No ámbito da seguridade no concello, o subdelegado do Goberno puxo en valor a boa colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local, que permite que o municipio de Brión consolide unha boa situación en materia de seguridade. “Un reflexo claro disto son as cifras da taxa de criminalidade -25 delitos por mil habitantes-, que está máis de 10 puntos por debaixo da media da provincia e da de Galicia, que se sitúa como a terceira comunidade máis segura do Estado”, indicou o subdelegado.

Santa Minia

No transcurso da Xunta Local de Seguridade aprobouse tamén o dispositivo especial para garantir a seguridade das festas de Santa Minia, co compromiso de colaboración e traballo conxunto da Garda Civil e a Policía Local, e realizouse unha análise xeral do estado de seguridade no municipio. “O Concello de Brión porá en marcha un ano máis un punto lila durante as festas que funcionará como punto de atención a mulleres e persoas LGTBIQ+ que foran obxecto dunha agresión machista e tamén como punto de sensibilización e concienciación da sociedade sobre a necesidade de que as festas sexan espazos libres de violencia de xénero”, apuntou Lago Sanmartín.

Previamente á xuntanza, o subdelegado mantivo unha reunión de presentación co alcalde e membros da Corporación municipal na que foi a súa primeira visita institucional como subdelegado a un concello. Julio Abalde asinou ademais no Libro de Honra do Concello de Brión.

Publicacións Relacionadas