O Concello de Carballo escoita as reivindicacións da plataforma veciñal e presentará alegacións contra a planta de biogás da Laracha

Redacción

• O grupo de goberno levará unha moción ao próximo pleno para oficializar o rexeitamento institucional ao proxecto

• O Concello facilitará á veciñanza un modelo de alegacións para que poidan mostrar a súa oposición de xeito individual

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e o concelleiro de Obras, Luis Lamas, mantiveron unha reunión cos representantes da plataforma contra a planta de biogás da Laracha, que quixeron trasladar ao noso concello a súa postura fronte a un proxecto que está a xerar unha fonda preocupación social e ambiental en todos os concellos da ribeira do Anllóns.

O alcalde escoitou as reivindicacións da veciñanza e confirmou que o Concello de Carballo presentará alegacións contra a instalación. O goberno local considera que o proxecto, polas súas dimensións e localización, podería ter un impacto negativo non só no termo municipal da Laracha, senón tamén no noso concello, afectando á calidade de vida e ao medio natural.

Ademais das accións administrativas, o grupo de goberno presentará unha moción no próximo pleno municipal co obxectivo de acadar o máximo consenso político e institucional fronte a esta ameaza.

O Concello de Carballo non só actuará a nivel institucional, senón que tamén se comprometeu a apoiar as convocatorias que realice a plataforma veciñal e a facilitar a participación cidadá, poñendo á disposición de toda a veciñanza un modelo de alegacións tipo para simplificar o proceso de presentación de reclamacións.

Por que preocupa a planta de biogás?

A planta proxectada para o concello veciño da Laracha basea a súa actividade na dixestión anaerobia, un proceso biolóxico mediante o cal microorganismos descompoñen materia orgánica (puríns, residuos industriais, restos de matadoiros) para producir metano.
Malia que a industria defende estas plantas como “enerxía verde”, a oposición veciñal e técnica fundamenta o seu rexeitamento en varios puntos críticos, como os cheiros, a saturación do tráfico e o risco de contaminación da auga, o aire e os solos agrícolas.
Segundo expertos consultados polo goberno municipal, o proxecto previsto na Laracha desvirtúa o obxectivo real dunha planta de biogás, porque destina unha parte mínima ao tratamento de purín e case a totalidade da carga serían lodos de conserveiras, restos de matadoiros e residuos industriais, co conseguinte risco de presenza de metais pesados que os sistemas de depuración convencionais non poden eliminar con facilidade. Esta situación agravaríase pola situación do río, que no verán ten un caudal moi baixo, polo que a concentración de contaminantes e metais sería máis alta e perigosa. Máis alá do impacto ambiental, os técnicos alertan dun risco sanitario real.

Comparte este artigo