O Concello de Fene anuncia unha nova edición do campus Verán Máis Alá

Redacción
Lectura mínima de 3

O prazo de inscrición abrirá ás oito da mañá do xoves 28 de maio, segundo se recolle nas bases publicadas no BOP núm. 79 do 29.04.26

Verán Máis Alá! é un programa dirixido ao alumnado escolarizado en educación infantil e primaria nado entre os anos 2014 e 2022 (idades de referencia de 3 a 12 anos) que resida ou estude en Fene. Desenvolverase do 1 ao 31 de xullo dividido en dúas quincenas, a primeira do 1 ao 15 e a segunda do 16 ao 31 de xullo, podendo inscribirse nas dúas ou só nunha. Haberá dúas modalidades: Bos días!, con entrada entre as 08.00 e as 10.00 horas e saída entre as 14.00 e as 14.30 horas; e Máis alá!, con entrada ás 10.00 horas e saída entre as 14.00 e as 14.30 horas.

Terán prioridade os/as participantes empadroados/as no Concello de Fene (como mínimo dende o 30 de abril de 2026) sobre os que estudan no termo municipal. Os nenos e nenas que non estean empadroados en Fene ou que non estiveran matriculados no curso académico 2025/2026 nalgún dos centros de ensino do concello non poderán participar no programa.

A matrícula provisional poderá realizarse por medios telemáticos, na sede electrónica municipal (https://sede.fene.gal/), desde as 08.00 horas do xoves 28 de maio ata ás 14.00 horas do luns 1 de xuño de 2026. Ou de maneira presencial, no departamento de Cultura e Deportes (Avda. Naturais 44, entresollado) do 3 ao 5 de xuño. Para acollerse a esta modalidade haberá que solicitar cita previa os días 27, 28 e 29 de maio de 2026, en horario de 9.00 a 13.00 horas, no teléfono 981 340 366.

As prazas adxudícaranse mediante baremo atendendo ás circunstancias familiares e laborais das persoas solicitantes. E o custe da actividade ascenderá, para todo o mes, a 68,15€/participante (36,70 € para o segundo membro da unidade familiar) e, por quincena, a 34,08 €/participante (18,35 € para o 2o membro da unidade familiar). En casos de situación de escasa capacidade económica, as tarifas poderán reducirse no 50% e mesmo acceder gratuitamente a esta actividade. As persoas interesadas en acollerse a este suposto, deberán solicitalo mediante escrito polo rexistro xeral do Concello de Fene, pero deberán formalizar igualmente a matrícula e o pagamento da cota nos prazos fixados.

Comparte este artigo