O Concello de Fene licita obras de mellora en camiños municipais por 69.000 euros

Redacción

As actuacións permitirán actuar en varios puntos da rede viaria secundaria con problemas de deterioro

Os traballos inclúen a rehabilitación do firme e a mellora da seguridade viaria en diferentes parroquias

O Concello de Fene sacou a licitación as obras de mellora en diversos camiños municipais, cun orzamento base de licitación de 69.000 euros. Unha cantidade que poderá verse minorado tras o correspondente proceso de adxudicación.
Esta actuación responde á necesidade de intervir na rede viaria secundaria municipal, que presenta en distintos puntos un grao de deterioro de diversa consideración, debido ao paso do tempo, ao tráfico intenso e ás condicións climatolóxicas adversas. Este desgaste resulta especialmente evidente nos tramos máis afastados dos núcleos urbanos consolidados, afectando tanto á comodidade como á seguridade da circulación, tanto rodada como peonil.
O proxecto contempla actuacións en varios camiños do termo municipal, entre eles o camiño en Fontelonga, o camiño en Sartego – Parque Castelao, o camiño en Sillobre próximo ao cemiterio e á avenida do Doutor Sixto Mauriz, o camiño por Almieiras, o camiño de accesos en Sartego e o camiño entre a estrada do Peirao e O Souto, todos eles con firmes deteriorados, con presenza de fochancas, disgregacións ou perda de capacidade estrutural.
As obras consistirán na rehabilitación e mellora funcional destes camiños, mediante tarefas de limpeza e preparación das superficies, reforzo estrutural dos firmes, execución de tratamentos superficiais bituminosos e implantación de nova sinalización vertical. As intervencións adaptaranse ás características e necesidades específicas de cada tramo, co obxectivo de garantir unha solución eficaz e duradeira.
Segundo as previsións técnicas, estas actuacións permitirán prolongar a vida útil dos firmes arredor de dez anos, mellorando de maneira significativa as condicións de uso e seguridade.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “esta licitación responde á vontade de seguir mellorando a rede viaria municipal e dar resposta ás necesidades da veciñanza, especialmente nas zonas onde o deterioro é máis acusado”. A rexedora subliñou tamén que “seguimos avanzando nun plan de actuación continuado que busca manter en boas condicións as infraestruturas básicas do concello”.
Pola súa banda, o concelleiro de servizos, Adán Chao, explicou que “estas intervencións permitirán actuar sobre tramos concretos que presentan un estado máis deficiente, garantindo unha mellora notable da seguridade e da transitabilidade”. Ademais, sinalou que “o obxectivo é optimizar os recursos dispoñibles e ofrecer solucións duradeiras que eviten intervencións constantes a curto prazo”.
Desde o Concello de Fene inciden en que estas actuacións forman parte dunha estratexia global orientada a manter e mellorar a rede viaria municipal, contribuíndo a unha maior calidade de vida da veciñanza e a unha mobilidade máis segura e eficiente.

Comparte este artigo