Teatro, danza, música tradicional, humor e concertos protagonizarán cinco días de actividades arredor da celebración do Día da Patria Galega
O Concello de Fene presentou hoxe a programación dunha nova edición de “Xullo, Mes da Patria”, unha proposta cultural consolidada no calendario municipal que volverá encher as rúas e prazas de actividade entre os días 3 e 9 de xullo, coincidindo coa celebración do Día da Patria Galega.
A programación combina espectáculos familiares, música tradicional, danza contemporánea, humor e concertos, cunha aposta clara pola cultura galega e pola participación da veciñanza.
O concelleiro de cultura, Justo Ardá, destacou que “Xullo, Mes da Patria é unha programación que busca celebrar a nosa cultura desde diferentes expresións artísticas, combinando tradición e contemporaneidade e ofrecendo propostas para públicos moi diversos”. A alcaldesa, Sandra Permuy, subliñou tamén que “esta iniciativa é unha oportunidade para reivindicar a identidade galega desde a cultura, a creación e a participación cidadá”.
Teatro familiar para abrir o programa
A programación arrancará o venres 3 de xullo ás 20.30h na praza do CPS de San Valentín coa representación de “Ándale! Bon Appétit!”, da compañía Teatro Ghazafelhos, un espectáculo familiar que combina humor, gastronomía mexicana e participación do público.
A actividade conta coa colaboración do CPS de San Valentín e da Agadic, dentro do programa Cultura no Camiño.
Danza e música tradicional
O luns 6 de xullo ás 20.30h, a praza do alcalde Ramón José Souto González acollerá o espectáculo de danza contemporánea “Un Baile Ceibe en Comunidade”, da compañía de Fran Sieira, unha proposta que revisita o folclore galego desde unha linguaxe escénica actual.
A continuación terá lugar o concerto do grupo Encrucillada, que celebrará o seu décimo aniversario cun repertorio centrado na música para baile e foliada.
Habaneiras e canto coral
O martes 7 de xullo ás 20.30h celebrarase unha nova edición do tradicional Festival de Habaneiras e Canto Coral, coa participación da Rondalla Estrelecer, da Coral Polifónica Agarimo de Sillobre, de Tradicoro e da Coral Polifónica O Pote de Maniños.
Humor con David Amor
O mércores 8 de xullo, a programación continuará coa actuación do humorista David Amor, que presentará o espectáculo “O Amor está no aire” a partir das 21.30 horas na Praza do Alcalde Ramón José Souto González.
As entradas poderán retirarse o venres 3 de xullo ás 12h na Casa da Cultura.
Acto institucional do Día da Patria Galega
O acto central terá lugar o xoves 9 de xullo. Ás 20.00 horas celebrarase no Parque Lineal do Río Cádavo, diante do Monumento ao 25 de Xullo, a lectura da Declaración Institucional polo Día da Patria, que correrá a cargo de Paco Oti, humorista gráfico, investigador teatral, dramaturgo e membro fundador do grupo de teatro do CCRD Perlío.
A partir das 21.30 horas, a música tomará o protagonismo na praza do alcalde Ramón José Souto González coa actuación da Orquestra Bravú Xangai, unha das formacións máis representativas da música galega contemporánea.
A continuación actuará Loita Amada, que presentará o seu último traballo discográfico, caracterizado pola combinación de diferentes estilos musicais e unha marcada mensaxe social.
Apoio institucional
Boa parte da programación conta coa colaboración da Deputación da Coruña, reforzando así unha iniciativa que ano tras ano converte Fene nun punto de encontro para a cultura galega.
Desde o Concello anímase á veciñanza a participar nun programa que combina espectáculo, tradición, reflexión e celebración colectiva arredor da cultura e da identidade galega.
Actividades complementarias en colaboración coas sociedades
A programación do ciclo “Xullo, Mes da Patria” complétase cunha serie de actividades impulsadas polo Concello de Fene en colaboración coas entidades do municipio, reforzando así o carácter participativo e descentralizado da iniciativa.
O programa arrancou o pasado 24 de xuño coa actuación da compañía Sempre Arriba, que presentou o espectáculo de acrobacias “Hoxe si!” na pista municipal de Centieiras.
As propostas continuarán o sábado 27 de xuño ás 12.30h, coincidindo coa celebración do Perla Mural Fest, coa actuación de Los Jinetes del Trópico, que representarán o espectáculo “A calor é un dereito”. Ese mesmo día, de 10 a 14h, desenvolverase tamén un obradoiro de danza dirixido por Fran Sieira, destinado ás persoas que desexen participar posteriormente na peza comunitaria “Un baile ceibe en comunidade”, prevista para o 6 de xullo.
Xa no mes de xullo, o día 4 ás 21.00h a Liga de Amigos de Barallobre acollerá, no marco da Romaría do Camiñante, a actuación de No Cómbaro, que levará ao público o espectáculo de cantos de taberna “Pídeme unha cantiguiña”.
Estas actividades forman parte da colaboración continuada entre o Concello e as entidades locais para achegar a cultura a diferentes espazos do municipio e contan co apoio da Rede Cultural provincial.

