O prazo de inscrición estará aberto do 1 ao 7 de xuño unicamente para crianzas empadroadas no municipio
O Concello de Lousame abrirá do 1 ao 7 de xuño o prazo de inscrición para participar no programa “Lousame Concilia Verán 2026”, unha iniciativa para a conciliación da vida familiar e laboral que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto e que chega con dúas importantes novidades: por primeira vez vai ser totalmente gratuíto para as familias de Lousame e o período de inscrición estará aberto unicamente a menores empadroados no municipio. Só no caso de non cubrirse as prazas, abriríase un segundo prazo para menores non empadroados en Lousame.
Unha iniciativa que foi presentada esta mañá polo alcalde de Lousame, Esteban Ares García, e a concelleira de Cultura e Servizos Sociais, Silvia Agrafojo. “O Concello de Lousame implícase na conciliación familiar, tan necesaria para as familias sobre todo coa chegada da época estival e nunha sociedade no que ás veces é complicado conciliar a vida laboral e familiar”, sinalou Esteban Ares, para quen “é un orgullo poder dicir que este ano, por primeira vez, o Lousame Concilia Verán vai ser totalmente gratuíto para todas as familias grazas a unha achega do Concello de Lousame, que se suma á da Xunta de Galicia e o Ministerio de Igualdade”.
Neste sentido, o alcalde apuntou que “o noso compromiso é seguir mantendo e seguir axudando aos pais e nais para que teñan fillos neste concello, facilitándolles a conciliación e facendo todo o posible para que criar fillos aquí sexa algo máis sinxelo”. Deste xeito, o Concello de Lousame asumirá o gasto de 15 euros mensuais por neno ou nena que se anote a este servizo de conciliación.
“É un orgullo poder dispoñer de tantos programas de conciliación, tanto para maiores como para nenos, porque o Lousame Concilia témolo durante todo o ano e agora no verán é incluso máis necesario. É unha tranquilidade deixar aos nenos con monitores profesionais e sabendo que pasan a mañá facendo actividades divertidas e pasándoo ben. Únese a outros servizos como as Leisure Activities e o campamento do Verán Activo”, puntualizou Silvia Agrafojo.
Lousame Concilia Verán 2026 é un programa dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 16 anos de idade, que desfrutarán de divertidas actividades nas instalacións do CPI Cernadas de Castro durante os meses de xullo e agosto, en horario de 9:30 a 14:30 horas. O prazo de inscrición estará aberto do 1 ao 7 de xuño para menores empadroados en Lousame. De non cubrírense as prazas, abriríase unha segunda quenda para non empadroados.
Para anotarse só hai que cumprimentar e entregar o impreso correspondente, que poden recoller nos Servizos Sociais de Lousame ou descargar na web (www.concellodelousame.gal), así como achegar a documentación correspondente. Máis información nos Servizos Sociais de Lousame, no 981 820 494 ou no 689 126 385.
Lousame Concilia está organizado pola Concellería de Igualdade de Lousame e conta coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade e do Programa Corresponsables, do Ministerio de Igualdade.

