O Concello de Lousame levará a todas as parroquias do municipio a campaña de apoio a Zernadas ás Letras Galegas 2027

Redacción
Lectura mínima de 5

“Queremos que todo o concello de Lousame sinta isto como algo colectivo, que nace en Fruíme pero que nos une como pobo”, asegura en Camboño o alcalde Esteban Ares

O local social de Camboño acolleu na tarde/noite de onte xoves a primeira sesión de presentación do Proxecto Zernadas’27, unha iniciativa coa que o Concello de Lousame está a promover a candidatura de Diego Antonio Zernadas de Castro ao Día das Letras Galegas de 2027, coincidindo co 250 aniversario do seu pasamento.

“Queremos que todo o concello de Lousame sinta isto como algo colectivo, que nace en Fruíme pero temos que ir unidos como pobo. E por iso decidimos traer o proxecto ás parroquias: para que poidades coñecelo de preto, ver o vídeo promocional e preguntar todo o que queirades. Somos un concello moi disperso no territorio, pero temos intereses comúns. E isto meréceo Zernadas, meréceo Lousame e poría a Lousame e a Zernadas no mapa de Galicia a nivel cultural”, asegurou o alcalde, Esteban Ares García.

A próxima cita será este domingo 12 de abril, ás 18:00 horas, no Club de Xubilados de Lousame en Aldeagrande. Posteriormente, e ata que remate o mes de abril, o proxecto irá presentándose polos distintos sociais das parroquias.

Apoio dos académicos

O alcalde amosouse moi satisfeito polo traballo levado a cabo ata o de agora: “creemos que no debate de xuño vai estar, porque teñen que propoñelo cando menos tres académicos e dous xa nos dixeron que o van apoiar. E iso é que o que queremos: que na Real Academia Galega o teñan en conta”. Iso si, a pesar de que esta petición “é un clamor político, veciñal e cultura, o obxectivo é difícil de conseguir”, reflexionou Ares García, quen asegurou que “pase o que pase, o traballo vai estar aí e o ano que vén, se nos conceden o Día das Letras Galegas, celebrarémolo. E se non o fan, celebraremos nós o 250 aniversario da súa morte porque Zernadas o merece”.

Finalmente, o alcalde lousamiá volveu detallar as razón polas que Zernadas de Castro é merecedor de ser homenaxeado pola RAG no Día das Letras Galegas de 2027. “Defender o galego hoxe en día está moi ben, pero facelo no século XVIII e dende unha aldea era algo heróico. O que lle pedimos á RAG é que xa é hora de que se lembren del, que hai un precursor do galeguismo. Incluso poderiamos dicir que o ano que vén se compren os 250 anos do seu pasamento pero tamén os 250 anos de galeguismo, porque outros autores que viñeron despois e defenderon o galego tivérono máis sinxelo grazas a Zernadas, que foi o precursor de toda a defensa do idioma e da nosa identidade galega. Zernadas non é pasado, Zernadas é a orixe. Se a RAG está pensada para defender a nosa lingua, que menos que recoñecer o labor da persoa que a defendía no século XVIII porque non hai outros. É o momento de que se acorden del. Hai moitos autores que o merecen, pero non ten lóxica que ao precursor do galeguismo non se lle dedicara”, sinalou Esteban Ares.

Presentación da campaña

Pola súa banda, o técnico municipal de Cultura, Eduardo Agraso, presentou á veciñanza as distintas iniciativas realizadas polo Concello de Lousame, en colaboración coa AAVV Cernadas de Castro, para poñer en valor a vida e obra de Zernadas de Castro: colocación dun busto fronte á igrexa de San Martiño de Fruíme, publicación de libros de toda a obra literaria e poemario en galego do autor, produción de videopoemas, adquisición de esculturas e cadros de Zernadas, conferencias, exposicións, musicalización de poemas…

Durante a presentación de onte tivo lugar a proxección dun vídeo para promover a candidatura de Zernadas de Castro ao Día das Letras Galegas 2027 dirixido, guionizado e montado polo realizador noiés Luís Avilés. Un vídeo que conta coas actuacións de Luís P. Martínez (como Zernadas) e Maribel González Vilachán, veciña de Camboño, presente na presentación de onte.

A sesión rematou con todos os presentes sumándose á campaña promocional que o Concello de Lousame ten en marcha en redes sociais co cancelo #EuConZernadas, primeiro en grupo e moitos deles tamén de forma individual.

Comparte este artigo