O Concello de Ribeira realizou os traballos de pintado da avenida de Ferrol co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e implementar medidas que contribúan a calmar o tráfico e garantir o respecto aos límites de velocidade tal e como demandaban os veciños e veciñas da zona.
A actuación inclúe a renovación da sinalización horizontal e a implantación de medidas que favorezan a redución da velocidade dos vehículos, mellorando así a seguridade tanto dos condutores como dos peóns. Esta intervención forma parte dun conxunto de iniciativas impulsadas polo goberno local para mellorar a mobilidade e minimizar os riscos de accidentes na cidade.
O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, destacou a importancia destes traballos: “Desde o Concello estamos traballando en diversos puntos do municipio para mellorar a seguridade viaria en todas as rúas e vías principais. O pintado da avenida de Ferrol permitirá ordenar mellor a circulación, facer máis visibles as zonas de paso de peóns e reducir a velocidade dos vehículos, o que contribuirá a un tráfico máis seguro e fluído”.
O Concello fai un chamamento á cidadanía para que respecte a nova sinalización e colabore no cumprimento das normas de tráfico, co fin de facer de Ribeira un municipio máis seguro e accesible. “O obxectivo que perseguimos é salvar vidas e minimizar os riscos” asegurou o rexedor.