A Real Academia Galega dedícalle o 17 de Maio a Begoña Caamaño Rascado (1964-2014), unha voz imprescindible da nosa literatura que soubo conxugar a precisión do xornalismo coa profundidade dunha narrativa moi orixinal e marcadamente feminista. A súa obra, curta en títulos pero de grande calado, destaca por darlles a volta aos grandes mitos clásicos e artúricos para situalos baixo unha óptica contemporánea e de xénero. En novelas como Circe ou o pracer do azul ou Morgana en Esmelle, Caamaño non só rescatou a dignidade de personaxes femininos historicamente maltratados pola tradición patriarcal, senón que o fixo cunha linguaxe rica e coidada que a sitúa como unha das grandes renovadoras da prosa galega moderna. Homenaxeala este ano supón recoñecer tamén o seu activismo, a súa faceta como comunicadora comprometida e a súa defensa dunha cultura galega aberta, diversa e sen complexos. O Concello de San Sadurniño súmase a este tributo cunha programación especial na que haberá escénicas e un obradoiro de creación.
As actividades comezan o luns 11 de maio ás 17:30h cun obradoiro de caligrafía creativa na Casa da Xuventude, onde a xente nova de entre 12 e 30 anos poderá mergullarse no mundo coñecido comunmente como lettering. Durante dúas horas e media explorarán a arte de debuxar letras con rotuladores especiais sensibles á presión cos que é posible facer trazos sinuosos de distinto grosor, aplicando unha técnica que prioriza a estética e a creatividade visual sobre a escritura convencional.
Este obradoiro, limitado a 15 prazas, busca que cada asistente aprenda a expresar mensaxes e conceptos de xeito personalizado a través dunha actividade que tamén ten unha vertente relaxante e de desconexión -polo menos temporal- de todo o dixital. Fai falla apuntarse na Biblioteca Municipal ou neste formulario en liña. A proposta forma parte do programa “Actividades da Biblioteca da Deputación da Coruña”.
A seguinte cita das Letras Galegas está posta para o venres 22 de maio ás 19:00h na Casa da Cultura. Trémola Teatro traerá o espectáculo “As letras que voan con nome de muller”, título ben acaído este ano no que o 17 de maio se lle adica a unha escritora.
Trátase dunha sesión de contacontos duns 45 minutos de duración orientada a público infantil e familiar que nos descubrirá Galicia como un país de libros e letras a través da figura de Begoña Caamaño e doutras mulleres homenaxeadas pola Real Academia Galega. Historias de coraxe e imaxinación coas que as nenas e nenos aprenderán que as palabras “son chaves que abren portas”, tal e como apunta a sinopse do espectáculo.
Dous días despois, o domingo 24 a partir das 20:00h, a actividade trasladarase ao Local Social de Lamas co regreso a San Sadurniño de Nabiza Girl, a superheroína da fouciña máis xeniuda e enxeñosa, a máis afouta e tamén a máis querida… e a única capaz de salvar a nosa lingua e a nosa cultura de todas as ameazas que a rodean. Isabel Risco e Alberte Bello traen unha comedia valente e chea de sorpresas na que Nabiza Girl e o seu fiel escudeiro, Don Galizo, se enfrontarán a situacións disparatadas.
Unha obra de 70 minutos cargada de feminismo, humor e moito amor polo noso dirixida por Fran Rei, que chega a San Sadurniño grazas á Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Adíase o concerto de Nimbos
A área municipal de Cultura xa avanzou a programación do 17 de maio na axenda de Google Calendar e nun dos artigos do boletín informativo Novas enviado ás casas hai varios días. Entre as actividades incluíase un concerto do grupo folk Nimbos no serán do venres 15. Unha actuación que ía ter lugar no adro do Convento do Rosario e que, porén, terá que adiarse por causas alleas ao Concello.
Proximamente informarase da nova data desta actividade, patrocinada polo programa DinamizARTJ dos convenios da Transición Xusta.

