HomeA CoruñaO Concello de San Sadurniño dedicará os case 34.000 euros do Fondo...

O Concello de San Sadurniño dedicará os case 34.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental a investimentos no saneamento, no abastecemento e no mantemento de espazos verdes

- Anuncio -spot_img

San Sadurniño ten consignados neste ano un total de 33.986,03 euros do denominado Fondo de Compensación Ambiental, que é o mecanismo autonómico a través do que revirte nos municipios unha parte do canon que lle pagan á Xunta as empresas eólicas. Estes cartos deben investirse en actuacións de tipo ambiental ou de reequilibrio territorial e, neste sentido, o Concello de San Sadurniño vai dedicalos a obras de ampliación do saneamento en Piñeiros, á mellora da contorna do punto de captación de auga do Camiño Arriba e, por último, tamén ao financiamento dos custes de mantemento anual das zonas verdes e sendeiros do municipio.

Nos últimos anos o Concello xa veu dirixindo a maior parte do Fondo de Compensación Ambiental a obras no abastecemento de auga, no saneamento ou na rede de iluminación pública, coa finalidade de ampliar estes servizos ou de facelos máis eficientes, en consonancia cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que a Administración local se comprometeu a cumprir.

De cara á presente anualidade, o consistorio deseñou un proxecto que engloba dúas actuacións principais. Dunha banda estaría a construción dun novo ramal sanitario na zona de Piñeiros (en San Sadurniño, preto do límite con Narón) que ampliará en algo máis de 200 metros as conducións soterradas, ademais de incorporar cinco novos pozos de rexistro.

A segunda intervención centrarase en varias obras que se desenvolverán nos arredores da ETAP do Camiño Arriba. O deseño técnico abrangue a mellora do sistema de drenaxe da potabilizadora, así como a instalación dunha tubaxe e o reperfilado da cuneta para que a auga baixe encanada pola beira da pista de acceso. Ademais, na parte norte da polideportiva -situada ao pé da ETAP- tamén se farán traballos de albanelería para pechar a bomba que chucha a auga da terra e para soterrar os colectores existentes.

Todas estas actuacións licitaranse por un importe de 25.893 euros, impostos incluídos, mentres que os 8.093,03 euros restantes ata completar os preto de 34.000 euros de axuda do Fondo de Compensación Ambiental van dedicarse a cubrir parte dos gastos anuais de mantemento das zonas verdes -xardíns municipais, arboreto, parques, etc.-, nos que tamén entrarían a roza de lavadoiros ou o repaso de rutas, miradoiros e áreas recreativas.

Novo sistema de financiamento do Fondo de Compensación Ambiental
O Fondo de Compensación Ambiental distribúe parte do canon eólico entre os municipios que teñen parques instalados, tomando como referencia o número de muíños e tamén a medida das liñas de evacuación. Porén, concellos coma o de San Sadurniño -e tamén a FEGAMP- veñen demandando desde hai anos un sistema de reparto dos fondos “baseado na produción real e non no número de aeroxeradores”, tal e como apunta Secundino García Casal.

Todo indica, segundo o rexedor local, que ese será a curto prazo o principal criterio de distribución, habida conta de que a maioría dos parques eólicos antigos van sufrir procesos de repotenciación cos que producirán o mesmo con moitas menos máquinas.

“A ganancia para as eléctricas está na produción, non no número de muíños. Se agora van producir o mesmo ou incluso máis con menos máquinas, o canon ten que deixar de estar vinculado ao número de aeroxeradores e relacionarse directamente coa produción”. “Xa se deron pasos nese sentido a través da Lei de Acompañamento dos orzamentos da Xunta, pero vai sendo hora de reformular o propio canon para que o beneficio eólico repercuta como é debido nos territorios, que son quen soportan todo o impacto ambiental dos parques”.

Publicacións Relacionadas