A Coruña enche os seus espazos culturais de comedia e música contemporánea co inicio do EMHU e o RESIS

Redacción
Lectura mínima de 8

Os teatros Colón e Rosalía de Castro protagonizarán a xornada inaugural

Os espazos culturais da cidade inician este xoves un período de máxima actividade ao comezar dous eventos de máxima repercusión nacional: o Encontro Mundial de Humorismo e o festival internacional de música contemporánea RESIS. Recintos como o Teatro Colón, o Teatro Rosalía de Castro, a praza de María Pita ou o Palacio da Ópera serán as sedes destes dous acontecementos.
“Tanto o RESIS como o EMHU son dous propostas culturais de altísima calidade e repercusión que son apoiadas polo Goberno municipal e viviron unha importante expansión estes últimos anos, o que nos reafirma como capital cultural de Galicia”, indicou Inés Rey, alcaldesa da Coruña. No caso do EMHU, este xoves 23 arrinca a primeira das 11 xornadas de espectáculos previstos ata o 3 de maio co espectáculo ‘Corta el cable rojo’, ás 19.30 e 22.00 horas no Teatro Colón. No caso do RESIS, o concerto inaugural celebrarase no Teatro Rosalía de Castro ás 20.00 horas, coa interpretación de ‘Capilla Rothko’ por parte de Kea Vocal Ensemble, o coro da Orquestra Sinfónica de Galicia e Gallaecia Ensemble Barroco.

O EMHU converterá á Coruña na capital nacional do humor

O arranque inicial do EMHU completarase o venres 24 co humor canario de Omayra Cazorla co seu ‘Disparate’ e unha das citas de entrada libre máis esperadas de cada edición: o ‘Match de Impro’ protagonizado pola Escola de Impro da Coruña. Ambas as sesións terán lugar en Afundación. A primeira fin de semana elevará a aposta con grandes formatos como a produción propia ‘Animus Iocandi’ —protagonizada por David Perdomo, Ignatius Farray e Laura Márquez—, a dobre función de ‘Pintando a mona xuntos’, o show conxunto de Miguel Lago e Roberto Vilar, e o fenómeno de masas ‘Estirando el chicle’ (que foi recoñecido co Premio EMHU Fenómeno 2022). Carolina Iglesias e Victoria Martín regresan ao Encontro Mundial de Humorismo para presentar por primeira vez en Galicia, ante máis de 1.600 persoas no Palacio da Ópera, ‘Estirando el chicle: el show de Mentira y Traición’. A programación complétase coa estrea en Galicia do novo monólogo de Nanutria.

A partir do martes 28, a actividade multiplícase en diversos escenarios e propostas, como as estreas en Galicia do novo directo de Yunez Chaib ou de ‘Estoy como nunca’ de La Forte, ata as visitas guiadas á exposición Comedy Wildlife na Sede Afundación. A semana continuará nos Cantones Cines (que se suman por primeira vez como sede) coa proxección de ‘Sujétame el cubata’ e o coloquio posterior con JJ Vaqueiro, e coa estrea absoluta de ‘Caso’, de Rober Bodegas.

O venres 1 o Encontro Mundial de Humorismo ofrecerá unha curiosa charla sobre procesos creativos que nacen e desenvólvense en grupos de WhatsApp e na que participarán Luis Piedrahita, Candela Sierra (Premio Nacional de Cómic 2025), Nikki García (a voz de Google Maps), o deseñador gráfico Riki Blanco, a produtora Ximena Feijoo ou Xavi Puig (de El Mundo Today); mentres que a Praza de María Pita acolle o espectáculo infantil ‘El velocípedo Mágico’. Esa mesma mañá, e ata o día 3, celebrarase ‘Fracaso Calidade’, o primeiro curso de clown que ofrece o EMHU e que impartirá o recoñecido Jöns Pappila.

O broche de ouro coincidirá coa ponte de maio, trasladando a actividade a Palexco para as galas multitudinarias ‘Humoris Causa’ e ‘Chisteria Colectiva’, con nomes como Eva Soriano, David Amor ou Galder Varas. A recta final incluirá tamén o humor físico de ‘Wilbur,’ a gravación de ‘Torreznos Podcast’ con Cocituber e Dani Fontecha, e a poética de Daniele Finzi Pasca con ‘Ícaro’. O festival concluirá o domingo 3 coa charla ‘Mi media comedia’ entre Eva Hache e Malena Alterio e coa gala vespertina ‘Fantastic Colofon’, conducida por Luis Piedrahita, Eva Hache e JJ Vaqueiro, e na que se entregarán os Premios EMHU 2026 á traxectoria e ao talento dixital para pechar esta sexta edición.

O RESIS consolídase como un festival de referencia e vocación internacional

O RESIS celébrase en diferentes espazos da cidade, ao que hai que engadir dous concertos en Santiago de Compostela e unha programación expandida que chegará ao Círculo de Bellas Artes en Madrid e á Real Academia de España en Roma.

Este ano, o festival rende homenaxe ao compositor estadounidense Morton Feldman (1926 1987) no centenario do seu nacemento. A primeira velada, este xoves 23, tamén inclúe a estrea absoluta de ‘Haeresis’, nova composición da galega Carme Rodríguez. A figura homenaxeada será tamén a protagonista do concerto de clausura, o sábado 30 de maio, no plató virtual da Cidade das TIC. Alí estrearase, por encargo do festival, a obra ‘Entre Feldman’, composta por Niño de Elche e Héctor Cavalliaro. O propio Niño de Elche, Arxis Ensemble e a soprano Margarita Rodríguez, baixo a dirección de Armando Merino e cunha videocreación a cargo de Lois Patiño, serán os protagonistas desa espectacular xornada de peche.

Outro dos puntos máis fortes desta edición será a estrea absoluta de ‘Undersongs’, nova obra de Chaya Czernowin, unha das compositoras máis relevantes do momento, e que será interpretada por Sigma Project. A Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Josep Planells a Banda Municipal da Coruña baixo a dirección de Juan Miguel Romero Llopis, a Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixida por Josep Planells, Luna Celemín e Christian Camino, completan a programación de concertos, que terá como lugares de intervención espazos emblemáticos como a Domus, o Teatro Colón, o Palacio da Ópera e o Museo de Belas Artes (A Coruña) e o Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela).

A Instalación sonora ‘TO HO BOC GE a/v’, de Juan Lesta e Marco Maril, é outro dos encargos do festival, moi vinculado á memoria sonora e á paisaxe natural e industrial da cidade, coa antiga bucina de néboa da Torre de Hércules como elemento central. Nesta edición de RESIS, ademais, volveranse desenvolver os seus dous proxectos educativos. A Proxección Sonora, que busca fomentar a participación de persoas con diversidade funcional na creación musical e artística en colaboración con asociacións locais como ASPRONAGA e FAXPG, incluirá este ano a instalación AQUA MATRIX, arredor do percorrido da auga na Coruña.

Comparte este artigo