O Concello de Santiago aproba o proxecto de obras de rehabilitación do Palacete do Espiño

Redacción

A voceira do goberno municipal, Míriam Louzao, deu conta en rolda de prensa dos principais asuntos tratados hoxe en Xunta de Goberno, entre os que salientou tamén a aprobación do expediente para licitar un servizo de depósito, custodia e xestión de arquivos; a solicitude dunha subvención á Deputación para a Escola Municipal de Música; e a sinatura de convenios de colaboración con entidades do ámbito comercial.
O Concello de Santiago aproba o proxecto de obras de rehabilitación do Palacete do Espiño
A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria deste luns o proxecto redactado por José Ignacio López de Rego Uriarte, descendente do autor do proxecto orixinal, para a rehabilitación do Palacete do Espiño.

As obras de rehabilitación deste edificio quedaron paradas en 2022, co conseguinte procedemento de resolución contractual que rematou en setembro de 2024. Fíxose un novo proxecto tendo en conta a situación actual do edificio, cun orzamento base de licitación de 1.199.302,83 € (IVE incluído) e un prazo de execución de 24 meses.

Servizo de depósito, custodia e xestión de arquivos

Aprobouse, así mesmo, o expediente para licitar por dous anos un servizo de depósito, custodia, xestión de arquivos, recollida e envío de expedientes e documentos, cun orzamento base de licitación de 184.694 € (IVE incluído).

A portavoz municipal explicou que este contrato resulta necesario debido ao gran volume de documentos que o Concello ten que custodiar e manexar, xunto coas limitacións de espazo nas dependencias municipais e á necesidade de garantir condicións óptimas de conservación (control de temperatura, humidade, seguridade contra incendios, control de pragas…), que fan inviable a xestión directa deste servizo cos medios actuais do Concello.

Contratación

O Goberno Local deu luz verde á prórroga do contrato en vigor para a prestación do servizo de axuda no fogar (SAF) a partir do 01/11/2026 ata o inicio da execución do novo contrato.

Tamén dentro do ámbito da contratación, declarouse deserta a licitación do contrato para a reparación e acondicionamento de muros tradicionais nos parques de Bonaval e Belvís ao non se ter presentado ningunha oferta dentro do prazo.

Acordouse tamén emitir unha orde de continuidade á empresa Ascensores Enor, adxudicataria do servizo de mantemento dos ascensores e salvaescaleiras das instalacións municipais.

Tamén se acordou prorrogar por dous anos o contrato para a subministración de uniformidade para a Policía Local, adxudicado a SAGRES SL, mantendo durante a prórroga os termos e condicións establecidos nos pregos e nos contratos formalizados.

Subvencións

A Xunta de Goberno acordou solicitar unha subvención de 12.500 euros á Deputación da Coruña para a Escola Municipal de Música, dentro do programa de axudas a concellos e entidades locais para o mantemento de conservatorios, escolas de música e escolas de danza municipais durante 2027.

Por outra banda, aprobáronse catro convenios de colaboración con entidades do ámbito do comercio por unha suma de 106.000 euros. En concreto, co Centro Comercial Área Central, por un importe de 35.000,00 euros; coa Asociación de Empresarios e Profesionais CCA Compostela Monumental, tamén por 35.000 euros; coa Asociación Punto Compostela CCA, por 32.000 euros; e coa Asociación EM-REDE, por 4.000 euros.

Así mesmo, autorizouse o convenio de colaboración coa Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago, dotado con 75.000 euros.

Licenzas

A Xunta de Goberno concendeu licenzas de obra maior para a reparación da envolvente e eliminación de chanzos de acceso no edificio da rúa da Senra, 7-9; para a rehabilitación e ampliación dunha vivenda familiar na rúa de Arzúa, 3; e para a reparación da fachada principal e instalación se illamento na fachada posterior do edificio do número 20 da rúa da Trisca.

Comparte este artigo