Os traballos na explanada consistirán no repintado da superficie, adecuando os espazos para aparcar e delimitando tamén percorridos máis visibles para o tránsito peonil
Nos vindeiros días, o Concello iniciará os traballos de mellora previstos no aparcadoiro da Torre, unha actuación que permitirá adecuar o espazo existente na explanada ás necesidades existentes na contorna, onde o tránsito de vehículos e autobuses é habitual polas visitas ao faro e pola actividade diaria na Cidade Deportiva.
Neste sentido, e tras un estudo previo do servizo municipal de Mobilidade, ao longo desta semana acometeranse tarefas de repintado no conxunto da explanada. Isto permitirá gañar 18 novas prazas de estacionamento e, ademais, delimitar mellor os percorridos peonís por esta superficie, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria.
Como ata agora, o estacionamento de autobuses habilitarase ao fondo da explanada. A previsión é que haxa sete prazas operativas: catro para os vehículos de grandes dimensións e outras tres para microbuses.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, informou hoxe de que os traballos tamén incluirán a creación dun espazo ‘bica e arrinca’ a carón do acceso á Cidade Deportiva, “unha medida que, polos fluxos de entrada e saída que hai ás instalacións, sexa por adestramentos ou xornadas de competición, vemos moi útil para facilitar as paradas de curta duración”.
Outras 30 novas prazas para aparcar a carón da rotonda da Torre
A edil subliñou que, ademais das 18 novas prazas de estacionamento que se habilitarán na explanada da Torre, o Concello creará outras 30 ao abeiro dos traballos que se están a ultimar nun dos laterais da rotonda da Torre, onde nos últimos meses se acometeu a retirada dos raís do tranvía como paso previo á ampliación dos espazos peonís e, xa finalmente, a renovación do firme ata a avenida de Navarra.
A Coruña suma unha nova área de autocaravanas, con todos os servizos Noemí Díaz tamén informou hoxe de que o Concello acaba de habilitar unha nova área de autocaravanas 24 horas, con 11 prazas e todos os servizos dispoñibles, a carón do edificio sindical de Someso.
Esta medida supón, na práctica, a actualización do mapa municipal de zonas de estacionamento de autocaravanas, xa que as prazas destinadas a esta finalidade no aparcadoiro da Torre e o Aquarium Finisterrae deixarán de estar operativas proximamente para acometer a reordenación de ambas as explanadas en base á súa realidade diaria, con circulación habitual de autobuses por visitas e excursións.
Desta forma, e coa apertura da nova área de autocaravanas de Someso, A Coruña dispón, a día de hoxe, de catro espazos concibidos para este tipo de usos: Someso, parque Adolfo Suárez, O Portiño e a liña de estacionamento que hai no sector oeste do paseo marítimo, a carón do pavillón municipal dos Rosales.
En total, a cidade dispón de máis 70 prazas para autocaravanas con carga e descarga de augas.

