Aplicarase unha inxección nos troncos e unha ducha con fitosanitarios da coroa dos exemplares
O Concello da Coruña pon en marcha esta semana unha nova fase do plan de conservación das palmeiras da cidade ante a proliferación a nivel global do picudo vermello. “Desde o Goberno de Inés Rey levamos a cabo anualmente este tipo de accións que teñen como obxectivo a conservación do palmeiral de Méndez Núñez, unha icona da nosa cidade”, indicou Noemí Díaz, concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, e responsable de Parques e Xardíns.
O piculo vermello é unha especie invasora orixinaria da Asia tropical e que require que as palmeiras reciban un tratamento preventivo específico para poder garantir a súa saúde. Neste caso, levarase a cabo unha inxección por endoterapia de deltametrina ao 1,5 % e logo ducharase a coroa con nematodos.
Para levar a cabo este tratamento, utilízase unha plataforma autopropulsada de 30 metros.
O custo para as 71 palmeiras ascende a 26.885 euros. Está previsto que os traballos comecen este mércores e teñan unha duración de tres xornadas, non sendo necesario o peche do parque.
O Concello da Coruña vén realizando revisións periódicas das palmeiras da cidade desde o ano 2017, cando se detectou a presenza do picudo por primeira vez. A plaga está a afectar a palmeiras de toda España e é preciso tratalos para evitar a súa transmisión. Asemade, o Concello insta aos particulares con palmeiras afectadas a actuar de xeito inmediato, ben con tratamentos, ben procedendo á súa tala, únicos métodos para evitar a propagación do picudo.