Quedará, ademais, preparada para instalar un sistema de produción de enerxía fotovoltaica que suporá un investimento doutros 100.000 euros.
O Concello vén de iniciar o procedemento de licitación do proxecto de reforma integral da cuberta do complexo deportivo da piscina municipal cun orzamento máximo de 214.697,22 euros. Esta actuación responde á necesidade de mellorar a impermeabilización e a eficiencia enerxética das instalacións para ofrecer un mellor confort aos usuarios.
Por causa do paso do tempo a cuberta presenta deterioracións que están a provocar estancamentos da auga de chuvia, o que incrementa o risco de filtracións e afecta á funcionalidade da instalación. Tamén se detectou a degradación da membrana impermeable, que non está a ofrecer de xeito óptimo a súa función protectora.
Para corrixilo, o proxecto contempla a retirada de todas as capas da cuberta existente e a construción dunha nova con garantías de durabilidade e seguridade. Ademais, esta nova estrutura quedará preparada con soportes específicos que permitirán o ancoraxe dunha futura instalación solar fotovoltaica, proxecto que se executará nunha fase posterior cun investimento estimado doutros 100.000 euros.
A intervención inclúe, tamén, a mellora do illamento dos falsos teitos no interior do complexo deportivo co obxectivo de optimizar a eficiencia enerxética e o confort térmico do recinto.
A documentación técnica e administrativa do procedemento está dispoñible para a súa consulta na Plataforma de Contratación del Sector Público. O prazo de presentación de ofertas para as empresas que desexen concorrer ao procedemento permanecerá aberto ata o 24 de xuño.
Esta actuación enmárcase na estratexia de mellora continua das infraestruturas deportivas municipais que desenvolve o Concello. A reforma da cuberta da piscina municipal representa un investimento necesario e estratéxico para garantir unhas instalacións en condicións óptimas para a práctica deportiva, apostando pola eficiencia enerxética, a sustentabilidade e o benestar da veciñanza larachesa.