O Concello organiza o 20 de setembro o seu II Triangular de fútbol feminino co apoio do Rápido de Neda

Redacción

Os días anteriores xogarase tamén no campo municipal unha nova edición do torneo promovido polo veterano club local

O Campo municipal Juanito González converterase o vindeiro domingo en escenario do II Triangular feminino Concello de Neda. A competición, impulsada co apoio da SD Rápido de Neda, completará unha fin de semana repleta de fútbol na vila, que arrincará co tradicional torneo que cada mes de setembro organiza o veterano club local.
O Concello, que apoia anualmente o traballo a prol do fútbol base que fai o Rápido de Neda, patrocina desta volta, no marco da súa aposta polo deporte en igualdade, o torneo feminino. Un deporte que non deixa de medrar e que está a vivir un bo momento a nivel local.
A competición prolongarase durante toda a xornada do domingo, disputándose nas categorías cadete e sénior. En horario matinal, disputarase a primeira das categorías citadas. Ás 11:00 horas, xogarase o partido entre a SD. O Val e o CD As Pontes. De seguido, as deportistas do Rápido de Neda mediranse primeiro co equipo perdedor do primeiro encontro (12:00 h) e, a continuación, co cadro vencedor (13:00 h).
Pola tarde, repetirase o esquema, sendo a quenda das xogadoras sénior. Ás 16:00 horas, terá lugar o encontro que enfrontará ao Silva SD. e a Discalzas SD. As perdedoras xogarán a partir das 17 horas coas locais do Rápido de Neda, que despois tratarán de golear ás vencedoras dos partidos.
Torneo tradicional
O triangular feminino poñerá o broche de ouro a tres días de festa deportiva en Neda. Así, o venres 18 pola tarde, e o sábado 19 de setembro, dende as 9:30 ata as 21 horas, celebrarase no campo municipal a XV edición do torneo da SD Rápido de Neda. Unha cita xa clásica que reunirá na vila a 24 equipos da comarca, repartidos entre as categorías prebenxamin, benxamín (fútbol 8), e alevín (fútbol 7). En total, preto de 300 deportistas.

Comparte este artigo