O Concello saca a contratación as infraestruturas e servizos vencellados á Festa do Pan de Neda

Redacción

Avanzan os preparativos da XXXVI Festa do Pan de Neda que, como sempre, terá lugar o primeiro domingo de setembro. O Concello vén de licitar o conxunto das infraestruturas e servizos precisos para a cita gastronómica, declarada de Interese turístico de Galicia, así como para os eventos musicais que se celebran os días anteriores na contorna do albergue de peregrinos.
A administración local prevé asinar un contrato mixto que, como moito, terá un importe máximo de 27.800 euros (IVE incluído), para a realización de boa parte dos servizos e subministros necesarios para o desenvolvemento desta cita emblemática e dos festivais que a preceden (o canción mariñeira e a Noite de bolos).
Así, a firma adxudicataria deberá aportar a carpa principal de 15 x 50 metros e os demais elementos precisos para o xantar popular, as carpas de venda e degustación de produtos dos fornos locais, as carpas de artesanía e de obradoiros, o escenario exterior cuberto, aseos, cociña, inchables… asumindo, claro está, todas as tarefas de montaxe e desmontaxe.
En paralelo, a empresa adxudicataria deberá xestionar a preparación dos menús para un mínimo de 500 persoas e ocuparse da explotación da cantina. Tamén aportará persoal de produción, de limpeza, de seguridade.
As empresas interesadas no contrato, prorrogable durante un ano, teñen de prazo ata o 16 de xullo para presentar ofertas. Os pregos poden consultarse no perfil do Concello de Neda na plataforma de contratación do Sector Público.

Comparte este artigo