Hoxe, diante do Concello de Ribeira produciuse unha concentración masiva na que se fixo entrega de máis de 2600 sinaturas para reclamar a presenza de médicos a tempo completo no centro médico de Aguiño. A mobilización, organizada pola veciñanza, reflicte a indignación e preocupación crecente pola falta de recursos sanitarios que afecta a este núcleo poboacional.
O concelleiro delegado de Sanidade, Juan Luis Furones sinalou: “o problema é que se prioriza os medios técnicos sobre os medios humanos e os medios humanos son tan importantes ou máis que os técnicos, ao final a medicina no fondo é unha labor diagnóstica que os ordenadores non son capaces de facer porque é unha labor de probabilidade inversa que se aprende co trato e coa convivencia do paciente. A proximidade é un dos factores que máis influenza ten na recuperación dos pacientes e no diagnóstico correcto e o tratamento correcto dos mesmos; isto non se está a priorizar, se está a priorizar a cantidade sobre a asistencia real, a cantidade non é un problema de número de enfermos, o problema é o número de profesionais habilitados para poder tratar a esos enfermos e que son necesarios. A miña postura propia como médico e como concelleiro de Sanidade é que non só é importante atender aos pacientes senón atendelos nunhas condicións que sexan óptimas; que ao final o paciente teña que desprazarse o menos posible para facerse unha proba ou diagnóstico”.
O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, xunto cos concelleiros e concelleiras do goberno, quixo mostrar o seu apoio firme e contundente a esta xusta demanda cidadá. “Dende o goberno local imos estar a
carón da xente de Aguiño e, como alcalde, estou, e sempre estarei, a carón da veciñanza nesta loita por unha atención sanitaria digna. Non é aceptable que os veciños e veciñas teñan que estar agardando até tres semanas ou máis para que os atenda o seu médico de cabeceira”, declarou.
O rexedor local insistiu en que a Administración Municipal non escatimará esforzos e ponse á disposición da Consellaría de Sanidade para poder solucionar a este problema, afirmando que “a saúde non pode ser unha cuestión secundaria, é un dereito básico que debe ser garantido sen excepcións e con medidas que garantan a atención digna”. Pérez Barral informou que o vindeiro luns haberá dúas médicas en Aguiño pero tamén lembrou que segue existindo un problema xa que no centro de saúde de Ribeira faltan 5 dos 14 médicos que debería haber.
A entrega das sinaturas simboliza o compromiso e a unión da veciñanza de Aguiño na loita por un sistema sanitario máis xusto e eficiente. Pérez Barral deu os parabéns á veciñanza por defender tan dignamente os seus dereitos fundamentais e incidiu en que o concello apoiará as acción destinadas a lograr este obxectivo pero tamén poñéndose a disposición do Servizo Galego de Saúde para colaborar no que sexa preciso.
“Este goberno municipal é un aliado dos nosos veciños e veciñas para que se garanta unha atención sanitaria pública, universal e de calidade”, concluíu o alcalde.