O Museo dos Muiños de Golmar acollerá unha ampla programación cultural este verán

Redacción

Baixo a denominación “Xira a moa”, ofreceranse actividades de diversas temáticas para todos os públicos.

O Concello impulsará durante o verán unha nova e ampla programación cultural no Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte, situado na antiga reitoral de Golmar, co obxectivo de ampliar a oferta de actividades para todos os públicos, e seguir poñendo en valor este espazo trala súa recente remusealización. O programa, que levará por título “Xira a Moa”, foi presentado hoxe polo alcalde, José Manuel López Varela, e pola concelleira de Educación, Cultura e Turismo, Patricia Bello, acompañados pola técnica municipal que estará ao cargo das actividades.

A proposta inclúe obradoiros, actividades de natureza, experiencias vinculadas ás tradicións populares, un espectáculo musical e rutas guiadas, configurando unha programación variada que permitirá achegarse ao patrimonio histórico, etnográfico e natural asociado aos ríos e aos muíños de auga.
“Xira a moa” arrancará do 1 ao 3 de xullo co obradoiro “Días no muíño”, dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 12 anos da idade. Serán unhas xornadas centradas na vida e nas tradicións que rodeaban os muíños, combinando unha visita explicativa ás instalacións coa elaboración dun mural temático e diferentes actividades ao aire libre como o debullado do gran e xogos tradicionais, entre eles carreiras de sacos ou o xogo da culler.

O sábado 4 de xullo celebrarase “Tecendo tradición”, un obradoiro de cestería orientado ao público adulto que permitirá coñecer técnicas artesanais ligadas aos oficios tradicionais.

Entre os días 7 e 9 desenvolverase “Caderno dos muíños”, unha actividade para nenos e nenas de 4 a 6 anos centrada na natureza da contorna do museo. Os participantes crearán o seu propio caderno de campo a partir da recollida e observación de plantas presentes nos arredores do centro para aprender a clasificalas, identificalas e coñecer as súas características.

A programación continuará o xoves 16 con “Do gran ao pan”, un obradoiro infantil no que os participantes descubrirán o proceso tradicional de elaboración do pan, desde a transformación do cereal ata a obtención do produto final.

Un dos momentos destacados da programación será o espectáculo musical “Unha noite no muíño”, que ofrecerá Caxoto o sábado 18 de xullo e que estará aberto ao público familiar sen necesidade de inscrición previa. Partindo da idea de que na cultura popular ningún traballo remataba sen unha celebración compartida, o artista realiza unha viaxe polas festas e reunións que acompañaban labores tradicionais como as mallas, as vendimas, os fiandóns, as colleitas ou as xornadas de moenda nos muíños. A través de contos, cantigas e baile, o espectáculo recrea o ambiente festivo das aldeas de antano e achega ao público unha ampla mostra de instrumentos tradicionais e populares, desde a gaita, a pandeireta, o acordeón ou o tamboril ata obxectos cotiáns convertidos en instrumentos musicais, como culleres, tapas de pota, latas ou mesmo unha sacha.

Os días 23 e 24 de xullo será a quenda de “Máns á masa”, un obradoiro de cociña saudable destinado a nenos e nenas de entre 5 e 12 anos, no que elaborarán receitas sinxelas ao tempo que adquirirán hábitos de alimentación saudable.

A programación completarase con dúas actividades para todos os públicos. O martes 28 de xullo celebrarase un paseo patrimonial de 4,2 quilómetros que combinará unha visita guiada ao Centro de Interpretación coa andaina pola denominada “Ruta da Muíñeira ao ritmo do río Acheiro”. E o venres 31 terá lugar a ruta nocturna “As pegadas do Bradoso”, un percorrido de 7,2 quilómetros con saída desde a escola unitaria de Cumiáns.

A inscrición para participar nas actividades abrirá este xoves. Será gratuíta e obrigatoria para todas as propostas incluídas no programa, agás para o espectáculo de Caxoto. As persoas interesadas poden formalizar a súa participación chamando ao teléfono 647828559 ou enviando un correo electrónico a museodegolmar@alaracha.gal.

Ademais das actividades programadas, desde o Concello anímase á cidadanía e ás persoas visitantes a aproveitar a ocasión para coñecer a nova exposición permanente do Museo de Golmar, renovada recentemente e enriquecida con novos contidos audiovisuais que permiten descubrir dunha forma máis atractiva e didáctica o patrimonio vinculado aos ríos, aos muíños de auga e aos modos de vida tradicionais da comarca. O horario de apertura é de martes a sábado, de 10:00 a 18:00 h.

O museo conta co distintivo de Centro Azul, un recoñecemento ao labor que desenvolve no ámbito da educación ambiental e da divulgación dos valores naturais e culturais do territorio.

Comparte este artigo